GASTRONOMÍA

"Xantar" pecha a cociña: ¡Ata a próxima!

Ourense. 05-02-17. Local. Clausura de xantar. Na foto Felos de Maceda
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Clausura de Xantar

O programa do certame ofreceu aos visitantes máis de 200 experiencias enogastronómicas e turísticas

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2017, que se celebrou durante cinco días en Expourense, chega hoxe á súa última xornada. ‘Xantar’ é o único certame internacional celebrado en España dedicado conxuntamente ao turismo e a gastronomía e este ano cumpriu a maioría de idade presentando a súa edición máis internacional, reunindo 232 expositores achegados de 11 países: España, Portugal, Panamá, Costa Rica, México, Ecuador, Paraguai, Francia, Perú, Cuba e Arxentina.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de clausura desta edición e destacou “a importancia que ten ‘Xantar’, que non so é un referente entre os amantes da arte culinaria en Galicia, senón que, ano tras ano, acada unha enorme proxección nacional e tamén internacional para promover o turismo e a enogastronomía de Galicia, dous sectores que teñen moito peso na nosa economía”.

Na súa intervención, Díaz Mouteira indicou que esta feira contribúe a poñer en valor os produtos da nosa terra e os profesionais da cociña galega. Por isto, a representante do Goberno galego en Ourense xustificou e destacou o respaldo de distintos departamentos autonómicos a este evento internacional.

Marisol Díaz agradeceu a todos os expositores a súa participación en ‘Xantar 2017’ e animou aos seus organizadores, Expourense, a continuar traballando para que a vindeira edición deste certame internacional dedicado á gastronomía e ao turismo supere o éxito desta edición, que acadou a cifra de 24.000 visitantes.

A 18ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico tivo como país convidado a Panamá e convocou en Expourense a máis de 230 expositores, entre os que destacaron 15 restaurantes que ofreceron 21 menús baseados nos produtos autóctonos e de calidade de cada rexión.

O programa do certame ofreceu aos visitantes máis de 200 experiencias enogastronómicas e turísticas. 

Te puede interesar