Nós reivindica unha vida e 
un traballo dignos en Ourense

photo_camera Imagen del mitin de Nós en el Teatro Principal. (JOSÉ PAZ)

O mitin central da coalición nacionalista na cidade reuniu á militantes e simpatizantes no Principal

As augas do nacionalismo galego hai tempo que flúen por correntes distintas. A de Nós é a que se atopa, segundo tódolo pronósticos, nunha situación máis feble.

A candidatura en Ourense quixo dar onte un pulo de autoestima aos simpatizantes cun acto central de campaña no Teatro Principal. E boa parte dese pulo vén da reivindicación dos éxitos históricos que os nacionalistas, nomeadamente o BNG, acadaron ao longo das últimas décadas. De aí a presenza do voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, e os apoios dos alcaldes de Vilar de Santos -aínda que Xan Jardón milita formalmente en Compromiso por Galicia-, Allariz e Castrelo de Miño, feudos do soberanismo galego na provincia.

Noa Presas destacou as loitas sindicais "que nunca se puxeron límites nin a obediencias estatais nin na defensa das traballadora galegas", nunha intervención que deixou frases de alento a unha semana das eleccións: "Non vou deixar que ningún goberno, sexa azul, laranxa ou morado me expulse de aquí. Quero vivir e traballar con dignidade en Ourense".

"É fundamental que teñamos en Madrid persoas que teñan o noso país na cabeza, que teñan a Galiza na cabeza e no corazón", destacou a candidata ao Congreso dos Deputados, ante un Teatro Principal cheo e con cáseque tódolos cargos do BNG respaldándoa. Non faltaron novos cargos como Diego Lourenzo, tenente de alcalde de Verín, que tamén interviu, ou Xabier González, aspirante número un ao Senado.

E con eles responsables doutras formacións que forman parte de Nós, como Xesús Manuel Suárez, presidente do Partido Galeguista; ou Fernando Alonso, de Coalición Galega.

A candidata afrontará a última semana de campaña con roteiro por sete concellos da capital, Limia, Baixa Limia e Allariz. Sobre este último, afirmou que Ourense "é un lugar para multiplicar por mil cada Allariz", un exemplo que o nacionalismo adoita empregar como recuperación urbanística e económica. Este fin de semana, o último de campaña, pretende percorrer 600 quilómetros pola provincia e dar cinco mitins para convencer aos cidadáns de que ela é a mellor opción.

A Nós réstanlle oito días para, alomenos, acadar representación nas Cortes e evitar un novo revés, sobre todo co BNG, principal impulsor da candidatura tralo fallido proceso de confluencia.

Te puede interesar