Acollerá o encontro internacional 'Ludaria' entre os días 20 e 23 de xuño

Xogos tradicionais de toda Europa, na cidade

Lois Pardo,Alberto Casal,Rogelio Alberto Pivida,Ana Garrido,Anxo Lorenzo e Paco Magide.
Ourense converterase na capital europea dos xogos tradicionais e o seu patrimonio inmaterial entre os días 20 ao 23 de xuño, co encontro internacional 'Ludaria'. Na presentación, no Centro Cultural da Deputación de Ourense, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, agradeceu a Brinquedia, a Rede Galega de Xogos Tradicionais, a súa 'pelexa' porque tal encontro se celebre este ano 2013 en Galicia, despois de convocarse en diversos lugares do continente.
Brinquedia, xunto á Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, é o organizador da cita, co patrocinio da Xunta, o Concello de Ourense, a Universidade de Vigo, o Inorde e o Concello de Parada do Sil.

Durante as xornadas terán lugar charlas e coloquios, en que se profundará en cuestións como o papel dos xogos como elemento museolóxico ou experiencias particulares durante a posta en valor dos xogos tradicionais. Ademais, celebrarase a sétima edición do encontro escolar que Brinquedia convoca de maneira anual entre os centros que se comprometen a traballar no seu currículo o xogo de tradición cultural.

Pero será o festival e as demostracións destes xogos os que ocupen o centro da cidade, coincidindo ademais coa primeira fin de semana das festas patronais. Haberá demostración de xogos de puntaría, loita, xogos infantís ou de taboleiro.

Tanto Alberto Casal como Lois Vázquez, partes activas na organización, quixeron destacar a 'permeabilidade' dos xogos tradicionais así como o seu peso cultural.

Te puede interesar