Responsable voceiro local do BNG

Xosé Carballido: ‘Non hai especiais tensións no BNG’

Xosé Carballido Presas.
Xosé Carballido bromea con que foi elixido como responsable local porque leva ‘35 anos perdendo eleccións e non perdeu o sonriso’. Pero a súa experiencia é a clave.
O novo consello local nace dunha lista de consenso. É a fin das tensións internas?

Non é que haxa especiais tensións dentro do BNG. O que hai son distintos colectivos, que teñen formas distintas de ver como debería levarse adiante a organización. Agora acordamos facer unha lista única a partires das porcentaxes obtidas na anterior asamblea por cada colectivo. Podemos dicir que se acaba un periodo e agora iniciamos unha nova etapa cos obxectivos de correxir eivas.

Cales son esas eivas?

Unha organización política é unha maquinaria de persoas que están traballando en distintas áreas. Se estas persoas coinciden coas que teñen unha representación institucional, ás veces non é doado compatibilizar e aínda que se poda facer, desde o punto de vista funcional non é fácil separar os dous papeis. Agora creamos un consello local coas funcións que lle son propias, aínda que hai tres concelleiros, pero queremos especialización, sobre todo do responsable local, que ten o labor de coordinar o equipo, e que non teña cargo institucional.

Desbota entón entrar no Concello neste mandato?

Eu creo que neste momento temos un equipo municipal sólido e preparado e sería innecesario modificalo. Non quita que en calquer momento a organización decida empezar a traballar na próxima candidatura e que ó mellor se considera nese momento que se pode reforzar o grupo municipal e que convén buscar unha persoa de apoio, ben traballando co grupo, ben con responsabilidade... Non podo dicir que non se vai facer porque se dentro dun ano se fai algo parecido, contradiríame. A contestación, entón, sería que hoxe é un tema que non toca.

Será o candidato ás vindeiras municipais?

Fun concelleiro e hai quen poida pensar que pola miña experiencia municipal son un candidatable. Si, pero igual que o son eu, temos a fortuna de que temos moita xente con capacidade para eso. Teño experiencia municipal e nunha dirección xeral e eso dá unha certa bagaxe para dirixir equipos e o equipo que me encomendan dirixir é o do BNG.

Pero a vostede lle gustaría?

Tiven catro anos unha actividade bonita pero moi absorbente na Dirección Xeral e neste momento o que me pide o corpo é certo relax. Se as eleccións foran dentro de seis meses diría que non. Dentro de dous anos? Poden pasar moitas cousas. A min as previsións a tan longo prazo non me gustan.

Que lle pediría a esta etapa?

Gustaríame recuperar a animosidade que caracteriza á xente do BNG. Estaría satisfeito se a xente se reactiva. Tamén ser quen de que a organización dea transmitido á sociedade estas novas formas de gobernar.

É importante o papel da marca Tenencia neste labor?

Hai un bipartito pero hai un goberno e o que temos é que intentar que non se visualice un bigoberno. É bo que cada un asuma a responsabilidade do que fai nas súas áreas de goberno. Se a marca pode fracturar esa visión dun goberno único, hai que utilizala con certa precaución e se fixo mal, correxilo.

Cre que a cidadanía está percibindo un bigoberno?

No autonómico si se transmitiu a imaxe de bigoberno e que foi unha das cousas que a sociedade nos recriminou nas urnas. Polo tanto, se somos prudentes, temos que ter a suficiente habilidade para detectar se eso se pode estar percibindo así. Creo que é un debate que se debe dar na organización, debe facerse na asamblea, con tranquilidade e con datos. Non nos costaría nada renunciar á marca se é o que a sociedade manda, pero tampouco queremos tirar pola borda algo que chocou ó inicio e que está normalizado.

Te puede interesar