Barbie Land


O fenómeno ‘Barbenheimer’ logrou uns fins de semana históricos para o cine. Oppenheimer e Barbie, dúas películas completamente diferentes e estreadas simultaneamente, conseguiron arrasar en taquilla en pleno verán. É un acontecemento da industria cinematográfica, non só polo número de espectadores se non tamén polos debates que ambas películas conseguiron xerar. Hai uns días, o cineasta Francis Ford Coppola enviou un comunicado de prensa no que expresou a súa felicidade diante do éxito destas dúas obras orixinais: “É unha victoria para o cine, dúas pezas únicas que conseguiron encher as grandes salas sen ser secuelas, nin precuelas”.

Barbie é a que está a recadar máis. Boa parte do mérito está na excepcional estratexia de marketing de Mattel – da que se beneficiou ao igual Nolan. En poucas semanas recuperouse a inversión en publicidade (145 millóns de dólares) ademais do seu orzamento (145 millóns). En Barbie está claro desde o principio que os produtos da marca teñen o peso principal no filme, desde o prólogo-parodia inspirado a 2001: una odisea del espacio de Kubrick.

O argumento, centrado nos personaxes de Mattel, está escrito pola directora e actriz Greta Gerwig xunto con Noah Baumbach. Barbie leva unha vida ideal de cores pasteis en Barbie Land, un mundo creado por Ruth Handler e xestionado pola multinacional Mattel. Alí, as mulleres gobernan nunha especie de matriarcado utópico onde os homes son un puro complemento. Neste mundo, no que todo é perfecto e que teoricamente, ten que ser un reflexo do mundo real, Barbie empeza a facerse algunhas preguntas. Son unhas cuestións bastante incómodas que non encaixan co mundo idílico no que ela e as demais Barbies viven, así que terá que viaxar ata o mundo real para atopar á solución.

A directora de Lady Bird e Mujercitas, dirixe o seu filme máis disparatado, unha comedia que podería inscribirse na longa tradición do cine demencial norteamericano cunha abundante dose de humor subversivo. Gerwig reactualiza, abrillanta a boneca creada por Handler a finais dos anos cincuenta, transformándoa nun icono feminista da contemporaneidade. Para enfrontarse a temas como o patriarcado, o capitalismo, as relacións de parella tóxicas ou as materno filiais, Gerwig xoga cos estereotipos parodiando os mais comúns. Tivo unha gran licencia creativa, tamén para ridiculizar os peces gordos da marca – Ynon Kreiz, CEO de Mattel, ri da autocrítica coas contas bancarias que se disparan e frégase as mans pensando xa en converter o filme nunha franquía.

A estética do filme é un ‘barbiecore’ que trae inspiración dos produtos de Mattel cun detallismo no vestiario e no decorado que agradará aos fans da boneca, e no que conflúen outras influencias como a do musical, da animación e o videoclip. A interpretación de Margot Robbie é correcta dentro das limitacións do seu papel – pero nas escenas finais recórdanos que tamén é unha gran actriz - mentres Ryan Gosling resulta divertido, completamente entregado ao seu personaxe anodino.

Quizais o límite máis evidente desta historia foi apoiarse por completo na clásica dicotomía entre os bos e os malos. O instrumento narrativo máis frecuente do cine hollywoodiense, desde a comedia ao drama pasando polo cine bélico e de superhéroes, aquí utilizouse para confeccionar unha paródica guerra de sexos que finalmente non queda de todo resolta. Especialmente as adolescentes, ademais das mulleres adultas que no seu día xogaron con algunha Barbie, gozarán moito deste filme-evento. Para moitas delas é unha celebración en moitos sentidos.

Coppola admitiu na súa mensaxe de xúbilo que, de momento, non viu Barbie, nin Oppenheimer. Sería interesante coñecer a súa opinión, sobre todo da primeira, despois de ver parodiada unha das súas obras de culto. Seguro que a tomará con humor, lonxe de inevitables polémicas. Mentras tanto... seguide enchendo os cines, hai para todos os gustos e cores!

Te puede interesar
Más en Sociedad