CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Benjamín Suárez e os “ollos" do Apolo XI

Aldrin e pisada de Armstrong na lua.jpg_web
photo_camera Paseo lunar de Aldrin e famosa pisada de Armstrong captados pola cámara Hasselblad.
Orixinario e fillo adoptivo de Xunqueira de Ambía, este arxentino-bonaerense alcumado "o galego da NASA" forma parte da historia da humanidade, porque ó seu coidado viaxaron as cámaras que inmortalizaron aquel "pequeno paso para o home..."

Unha feliz casualidade quixo que, hai tan só unhas semanas caera nas miñas mans un orixinal do exemplar deste mesmo xornal, pero do día 22 de xullo de 1969. Cun titular de grande corpo e a cinco columnas, o xornal dáballe a coñecer a Ourense a máis importante noticia coa que abrira nunca dende a súa saída á rúa, alá nos alexados meses de 1910.

"La Luna conquistada", rezaba a mensaxe acordada polos responsables de redacción, engadindo logo dous subtítulos que axustaban a dimensión informativa do evento, ó afirmar que Armstrong e Aldrin estiveran sobre o chan lunar 21 horas e 26 minutos e que tanto as complexas manobras de alunizaxe coma de despegue do módulo "Eagle" foran totalmente exitosas.

Finalmente, alén da completa crónica do interior, a información presentábase acompañada dunha fotografía de teletipo remitida pola axencia "Upi-Cifra"na que se intuían as tarefas dos astronautas para chantar o mastro da bandeira americana no territorio lunar.

O que lamentablemente non sabían naquel momento os responsables da redacción do xornal, nin tampouco Alejandro Outeiriño, o seu director, era que unha das persoas que fixera posible que aquela imaxe, aínda que borrosa, chegase o teletipo da rúa Cardenal Quiroga, pasara a súa infancia nunha casiña de a carón da colexiata de Xunqueira de Ambía e que toda a súa familia, tanto paterna como materna, era ourensá. De ter sido coñecido, seguramente o seu rostro e as súas referencias curriculares camparían tamén en lugar de preferencia no conxunto do xornal.

Pero isto -é dicir, ser coñecido en Ourense- non aconteceu ata case dúas décadas despois, concretamente despois do día un de setembro de 1987, cando Benjamín Suárez Estévez -que así se chama o protagonista desta historia- foi recoñecido como fillo adoptivo polo concello de procedencia da súa nai, Xunqueira de Ambía e o seu nome e os seus méritos profesionais comezaron a seren divulgados por este e outros medios de comunicación.

Quen foi e que fixo, logo entón, este Benjamín Suárez para ter tanta relación coa histórica operación que levou á humanidade a pousar literalmente os seus pés por primeira vez na lúa?

A resposta obtémola resumida no acordo plenario do Concello de Xunqueira daquel día de setembro do 87, onde se di que Benjamín Suárez, "conocido como el gallego de la NASA, cuya madre doña Libia Estévez era originaria de Xunqueira, a donde llegó con tan sólo seis meses de edad, marchándose de nuevo a los seis años, para seguir una trayectoria biográfica plagada de éxitos profesionales, habiendo sido durante treinta años presidente de la Corporación Diamante, haber ofrecido servicio de garantía a las cámaras fotográficas de la NASA y ejercido como jefe de la división de frentes imaginarios, diseños y costos" na propia Axencia espacial norteamericana.

O acordo plenario é aínda máis explícito na descripción dos merecementos, neste caso sociais, que atesouraba xa naquel momento o enxeñeiro galego-arxentino, destacando a súa condición de membro do Clube Interamericano, de fundador e presidente da Casa de Argentina en Huston, de fundador da Casa de España nesa mesma cidade, ou de fundador, así mesmo, do Consello de directores do Instituto da Cultura Hispánica, entre outros moitos.

Non afonda, como é natural, o acordo municipal, no seu papel como responsable directo da óptica das cámaras fotográficas que lle fixeron ver ó mundo o fito da súa chegada á lúa, porque se importante foi arribar e dar aquel "pequeno paso para o home" , non menos importante e decisivo foi captar aquelas imáxes para elevalas a icono do gran paso dado na quel intre "pola Humanidade".

As cámaras, unhas Hassenblad que tiveron que quedar abandonadas na Lúa

Aínda que o coñecemento de Benjamín Suárez en Ourense deuse no ano 87, o "galego da NASA" -como o bautizara o Rei Juan Carlos- comezou a volver a partir de 1981, cando de volta dunha viaxe de África chegou a Barajas e decidiu viaxar a Galicia para visitar ó que podía quedar daquela saga que deixaran natrás había 63 anos.

Isto cóntao na revista "Gente de mundo", onde describe o impacto que lle supuxo o seu regreso, ata o punto de levalo a afirmar que "aquí en Galicia encontré todo lo que había perdido".

Benjamín e a Hasselblad HDC.jpg_web

Dende ese ano volveu regularmente a Ourense e ata o presidente da Xunta daquel momento Gerardo Fernández Albor quixo tamén coñecelo. Foi no mes de setembro do 84, no pazo de Raxoi. Se ben, o seu gran premio foi o reencontro familiar e o de poder comprobar que "aquellas cosas de Galicia que mi madre me contaba siempre" existían realmente.

Benjamín Suárez faleceu a comezos de decembro de 1992 en San Antonio (Texas) onde residiu dende que, como traballador da Kodak foi reclutado pola NASA para participar no deseño do equipamento fotográfico que deberían levar as naves espaciais, centrando a súa actividade no "programa fotográfico y geométrico" da Axencia, comezando a colaborar coa recoñecida empresa sueca de cámaras fotográficas Hasselblad, que foron as elexidas pola NASA para seren os "ollos" a través dos cales a humanidade sería testemuña da histórica "conquista".

"Yo trabajé en el desarrollo de los equipos fotográficos de los programas Apolo, Géminis, Saturno y Discovery", dicíalle Benjamín Suárez ó xornalista da revista "Gente de mundo" no ano 87.

"Luché para eso, para introducir una cámara que nos ofreciera altas resoluciones, lentes de mucha luminosidad y de mucha ampliación", así como para evitar que o producto do seu traballo non fose de usar e tirar, xa que logo, tanto as cámaras -que non por suposto as películas- que rexistraron "o primeiro paso" de Armstrong, como outras once das cinco viaxes do programa Apolo, tiveron que quedaren abandonadas na lúa para alixeirar as viaxes de regreso.

Te puede interesar