¡Buone visioni!

Campeonex: volven “os amigos”

No 2018 estreouse Campeones de Javier Fesser. Protagonizado polo ferrolán Javier Gutiérrez xunto a un grupo de dez rapaces con discapacidade e sen experiencia previa no cine, o filme recadou máis de 4 millóns de euros, ademais de obter 3 premios Goya incluíndo o de mellor película. Pero o seu maior logro foi concienciar un pouco máis ao público sobre a discapacidade intelectual a través dunha comedia deportiva, facer entender, como dixo o director nunha entrevista, que “non somos todos iguais, si non marabillosamente diferentes”.

Campeonex é a secuela da comedia española máis xeitosa dos últimos anos. Chega en pleno verán e xa conseguiu ser a mellor estrea española do 2023, reunindo a máis de 260.000 espectadores tras lanzarse en 427 salas. Aínda non sabemos se finalmente volverá a repetir o triunfo da primeira, pero vai por un camiño parecido. O que sí podemos afirmar, despois dun visionado, é que Campeonex, reitera case a totalidade das fórmulas da anterior, tanto a nivel formal como argumental. Algo non necesariamente malo, considerando que a primeira foi unha comedia con un alto valor social e bastante lograda.

Pero é certo. No seu día, Campeones foi unha agradable sorpresa. Hoxe, a súa secuela non transmite a mesma sensación. Segue intentando afastarse dos estereotipos situándose na liña delgada entre a parodia grotesca e a urxencia de autenticidade, cun chisco de humor negro: unha marca estilística típica de Fesser, xa alcanzada noutros filmes como Al final todos mueren (2013), Camino (2008) ou El milagro de P. Tinto (1988).

Ademais de manterse nestas mesmas coordinadas, a nivel argumental Campeonex aporta moi pouco cambios. Pasamos do baloncesto ao atletismo e logo ao eSport. Xunto ao coñecido equipo dos amigos aparece algún novo personaxe como a entrenadora interpretada por Elisa Hipólito –que substitúe a Javier Gutiérrez– a educadora Jelén García, Claudia Fesser no papel da vilá, e o gamer Brianeitor 2002. Todos os actores e as actrices que non o fan de profesión son moi cribles, naturais, e isto consegue que nos deixamos levar pola historia. Unha nova destacable é que esta vez o director decidiu dar aínda máis voz as persoas con diversidade funcional que as súas familias, pero, na sustancia, a película soa a xa vista.

Entre os aspectos negativos quizais está a procura constante do sketch cómico que acaba na repetición e o desenlace final que resulta demasiado longo. A promoción do Movistar Riders, así como as continuas referencias á célebre marca de telecomunicacións no filme, tampouco son para destacar: resultan excesivamente rechamantes e obteñen o efecto contrario.

Definitivamente Campeonex é unha película entretida, para toda a familia, cun transfundo social, unha mensaxe positiva, pero que non conseguiu manter a frescura da primeira.

Te puede interesar
Más en Sociedad