Entidades benéficas galegas renovan convenio con Vegalsa-Eroski

Máis dunha vintena de entidades benéficas galegas e a compañía de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski renovaron nesta mañá o proxecto de colaboración para contribuír a paliar as consecuencias que a actual crise económica causa na sociedade.

Coa sinatura deste acordo a empresa galega comprométese, en función da súa dispoñibilidade e da demanda das organizacións participantes, a "doar de maneira gratuíta alimentos e artigos de primeira necesidade" ás entidades que participan para os colectivos máis desfavorecidos, explicou o director de Relacións Institucionais de Vegalsa-Eroski, Javier González.

A rúbrica do convenio foi formalizada durante a realización da Xornada de Sensibilización Social co lema "A solidariedade fainos fortes", en que as entidades tamén fixeron un balance anual do exercicio do ano 2013.

Durante a presentación dos resultados, todas as organizacións benéficas participantes coincidiron en resaltar o aumento dos demandantes destas axudas así como o cambio que experimentou o perfil, cada vez son máis os mozos, mulleres e anciáns con persoas ao seu cargo os beneficiarios destas axudas.

A responsable en Galicia de Emprego, Inclusión Social e Cooperación Internacional da Cruz Vermella, Carmen Isasi, insistiu en que é necesario "atacar" as consecuencias da crise fortalecendo "a autonomía e a capacidade" destes colectivos para afrontar novos retos na sociedade actual.

Todos os portavoces das entidades coincidiron en subliñar a importancia que teñen estas axudas e reclamaron unha "maior implicación" por parte das administracións.

Te puede interesar
Más en Sociedad