Crónicas de agora e sempre

Fdez. Mezquita, o diplomático trostkista

Imaxe de arquivo de Xurxo Martiz con Mezquita -primeiro pola dereita- e o embaixador Consalvi, en Belgrado (1963).
photo_camera Imaxe de arquivo de Xurxo Martiz con Mezquita -primeiro pola dereita- e o embaixador Consalvi, en Belgrado (1963).
Nacido no pobo da Mezquita, a estela de Fdez. Mezquita cruzou a península ibérica, media Europa e boa parte do Caribe, da man de artistas, intelectuais, literatos, diplomáticos e políticos coma Rómulo Gallegos, o fugaz presidente-novelista de Venezuela

Se pronunciamos o nome de Alberto Fernández Martínez é posible que non nos diga nada. Ora ben, se mudamos o segundo apelido polo topónimo Mezquita, entón, coma un alustro, asomará (primeiro por entre os subversivos labirintos da guerra e da posguerra e logo polas esvaradías alfombras de palacio da Venezuela de 1958) este ourensán que marchou a Madrid para ser xornalista e acabou sendo ferroviario, sindicalista, fuxido, preso, deportado, asesor presidencial e incluso diplomático en Yugoslavia.

A fracasada fuxida de Guaidó -o noutrora presidente encargado de Venezuela- cara Colombia, seguida da consecuente deportación para Miami, trouxéronme á memoria a un ourensán que non foi presidente de ningún país -pero si asesor- e que ó longo da súa intrépida e novelesca vida tamén fuxiu, no seu caso cara Portugal, e igualmente foi deportado, naquela hora cara Cuba.

Chámase -queda dito- Alberto Fernández Martínez (aínda que sempre asinou como Fernández Mezquita) e naceu en 1899 no concello do que asumiu o sobrenome, no casal protovilego dunha tan numerosa como podente familia raiana na que destacou sobremaneira o seu curmán Felipe Fernández Armesto, coñecido co pseudónimo xornalístico de Augusto Assía.

Superada a fase de estudo en Ourense, os primeiros rexistros mediáticos sitúan a Alberto Fernández nos inicios da tráxica década de 1930 no Madrid tertuliano e literario de cafés tan emblemáticos como a “Granja El Henar” da rúa de Alcalá e de iniciativas literarias como a revista P.A.N. (Poetas Andantes y Navegantes), promovida polos galegos Eduardo Dieste e Otero Espasandín.

Nestes momentos abrentes da Segunda República, Fernández Mezquita aparece identificado xa como sindicalista de ferrocarrís e activo militante do “trostkista” POUM (Partido Obreiro de Unificación Marxista), ademais de transeúnte por uns espazos que lle ofrecen a oportunidade de coñecer e fraternizar (con cada un á súa maneira) coa vangardista pintora -tamén galega- Maruja Mallo, así como co prestixioso escritor venezolano Rómulo Gallegos, con quen establece unha relación que había predicir os puntos cardinais do seu futuro.

Con Gallegos exiliado e á procura das súas raíces galegas, entre 1933 e 35 pasa longas tempadas estivais en Bueu, mentres que, coa pintora viveirense intima nunha curta pero inensa relación amorosa que xorde no marco das Misións Pedagóxicas que os coloca casualmente en Ourense na fatídica xornada do 18 de xullo de 1936.

Maruja Mallo é acollida uns meses por un seu tío, en Vigo, e Fernández Mezquita aproveita as paraxes ben coñecidas e afastadas do entorno perdido do Penedo dos tres Reinos para recalar en Brangança e ser gorecido por alguén tan interesante como descoñecido a un e outro lado da fronteira, malia que logrou salvar daquela a incontables refuxiados da guerra española e mesmo da segunda gran guerra, incluso a costa da súa liberdade, Artur Mirandela.

Aquí acabou o gran amor entre Maruja Mallo e Fernández Mezquita. Sen embargo, as súas respectivas xeiras non facían máis ca soltar amarras para encararen destino polos mares do mundo.

A feliz presenza da escritora chilena Gabriela Mistral como embaixadora do seu país en Lisboa (interpelada pola relación de ambas con Neruda) facilitoulle as xestións para que Mallo puxera rumbo a Buenos Aires, mentres que Fernández Mezquita non gozou de tanta sorte pese ós esforzos do portugués Mirandela, así como ós da propia Mistral, que lle escribe a Alfonso Reyes en agosto de 1937, un tanto decepcionada con Mezquita: “... le ruego decir a Maruja Mallo que su recomendado ha tenido penas y serias. Fernández sigue preso, pero ya pasó lo peor y no lo mandan a la frontera. Eso me dice mi cónsul en Oporto, que hizo lo que pudo, y yo hice por él más de lo debido porque ha sido poco digno de esta gestión y de las de otras buenas personas portuguesas, todas presas por su culpa”.

Os irmáns Dieste, Augusto Assía, Eugenio Montes, Gallegos e outros anxos custodios

Non logrei desvelar o motivo que provocou na futura gañadora do Nobel chilena, tal estado de anoxamento con Mezquita. O que si se sabe é que, meses despois deportaríano -non sería a derradeira vez- a Madrid e alí foi xulgado e condenado a morte.

Pero o tránsito de Mezquita pola súa sinuosa vida sempre acabou contando con anxos custodios que lle axudaron a superar os penedos que se lle cruzaron no camiño.

Neste intre tan transcendental alumearon por Madrid nomes e apelidos tan cercanos coma o do seu curmán Augusto Assía, os dos seus coterráneos Eugenio Montes e os irmáns Eduardo e Rafael Dieste, así coma o do embaixador uruguayo Carlos Gurméndez (quen levaría a vida de Mezquita a unha das súas novelas), que lograron conmutarlle a pena capital por un tempo de prisión.

Andamos xa no segundo lustro dos anos corenta e, unha vez aberta a posibilidade de exiliarse en Venezuela, con Rómulo Gallegos de volta ó seu país como ministro de Educación no goberno de Rómulo Betancourt e Camilo José Cela na oficina da censura española, Mezquita pídelle ó tamén futuro Nobel que interceda por el para que lle concedan o pasaporte, cousa que lle permite -logo dunha década da primeira fuxida- recalar na gran Caracas.

En febreiro de 1948 Venezuela enfía as primeiras eleccións democráticas da historia e o seu amigo Rómulo Gallegos alcanza a presidencia, polo que o arrivo de Fernández Mezquita a aquel país consistiría nunha entrada triunfal se non fose porque o paso de Gallegos pola xefatura do Estado non duraría nin sequera un ano.

Ó longo deses nove meses, Fernández Mezquita accede ó palacio de Miraflores na elite do gabinete de asesores presidenciais e como tal acaba sendo detido en novembro dese mesmo ano ó saír airoso o golpe militar liderado por Carlos Delgado Chalbaud, que afasta a Gallegos da política.

Deportado a Cuba, reside dez anos entre México e a illa caribeña, casa con Margarita Redonet e, en 1958, regresa a Venezuela.

O destino aínda lle regalaría tempo para participar na fundación do DRIL e para ser destinado a Belgrado como secretario da embaixada venezolana, con Simón Alberto Consalvi -ó que coñecera en Cuba- á fronte, antes de falecer o 27 de xaneiro de 1968.

Te puede interesar