Os lobos, Pepín e unha copla en Fresneda

No monumento situado na estrada de Cabuérniga, "Pepín de Fresneda" conserva o rifle que o acompañou (A. Piñeiro).
photo_camera No monumento situado na estrada de Cabuérniga, "Pepín de Fresneda" conserva o rifle que o acompañou (A. Piñeiro).
Mentres a ministra de Transición Ecolóxica reflexiona en se incluír ó lobo no listado de especies protexidas, o encontro ocasional cunha copla nunha estrada de Cantabria devolveme ó tráxico verán de 1974 no que os lobos atemorizaron a Ourense

L évanme, estes días de serodia calima estival, polas terras verdes de Cantabria, a onde teño acudido tantas veces ó longo da miña non menos serodia vida.

O itinerario elixido non me é, nin moito menos, descoñecido: O frondoso e intenso val de Cabuérniga, que abraza a profunda navallada que o río Saja lle ten dado á terra a forza de milenios de auga trasvasada entre a montaña e o mar.

Como tampouco me resulta descoñecida a historia de "Pepín", o eterno garda forestal, nin a súa Fresneda natal, onde teño gozado dos sabores mesturados do cocido montañés e do venado estofado, dous pratos que un pode pedir con garantía, alén do nome que teña o restaurante no seu identificativo local.

Sen embargo, ó fío do interminable debate aberto arredor de se o lobo debe ser incluído no "Listado de especies sislvestres en régimen de protección especial", tal como opinan os ecoloxistas, ou debe ser controlado con capturas programadas para evitaren os destrozos e grandes perdas económicas que ocasionan nas cabanas gandeiras, en opinión radicalmente maioritaria dos agricultores e gandeiros fundamentalmente do norte do país, decidín volver por Fresneda e comprobar se aínda se conservaba o monumento que hai case un cuarto de século foi instalado a carón da estrada en homenaxe a José Gutierrez (Pepe -ou Pepín- el de Fresneda), o garda maior da Reserva Natural do Saja, e que volveu trasladar a miña memoria ó verán de 1974, cando a provincia en xeral e as terras lindeiras de San Cibrao das Viñas en particular, se viron zarabatidas de forma tráxica pola insólita irrupción dos lobos -ou o que foran- nas aldeas de Currás e Outeiro Calvo e deran cabo da vida de dous nenos -un de once meses e outro de tres anos- no curto prazo de cinco días, atacando ademais a outros veciños, non só de San Cibrao, senón doutros puntos de arredor.

Como é ben sabido, porque os sucesos daqueles días de verán de 1974 aínda se conservan nidios na memoria colectiva de Ourense e a hemeroteca deste mesmo xornal non nolos deixa olvidar por máis que teña pasado case medio século, o día 5 de xullo a vida cotiá da pequena aldea de Currás viuse traxicamente interrompida co ataque dunha loba ó bebé de 11 meses José Tomás Martínez, que se atopaba cos seus pais nunha finca onde estes estaban traballando a terra, e poucos días despois a traxedia repetíase neste caso coa morte do neno José Javier Iglesias na aldea próxima de Outeiro Calvo, tamén no mesmo termo municipal.

Os dous luctuosos sucesos levantaron unha fonda preocupación entre toda a veciñanza, que comezou a organizar batidas, mesmo amparadas polo propio gobernador, Regalado Aznar, e para o cal non aforraron medios materiais nin persoas armadas chegadas de moi diversas procedencias.

Neste caso estaba o tal "Pepín", a quen chegou a entrevistar un xornalista deste mesmo xornal o día 14 de xullo, destacando que "Pepín de Fresnada y José Antonio" (sic) tiñan sido "los hombres clave en la caza del lobo orensano".

Previamente, a portada do xornal dese mesmo día informaba da "caída" do primeiro lobo -con apoio gráfico de Enrique Reza- "muerto por un disparo de un vecino de Soutopenedo (Adolfo Balbís), empleado de una granja y manco del brazo izquierdo".

En total, segundo contan as crónicas da época, nos días posteriores foron abatidas preto dunha trintena de "alimañas", das cales "Pepín" -que fora chamado polo ICONA de Ourense, xa que el era funcionario do mesmo instituto da natureza en Cabuérniga- amosábase orgulloso por ter acabado con media ducia delas, porque "además de no ser beneficioso, es la pieza de cada más lista que hay".

Te puede interesar