CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Sande: dous infantes por unha torre

Imaxe do que queda da fortaleza de Sande, tan activa noutrora como esquecida actualmente.
photo_camera Imaxe do que queda da fortaleza de Sande, tan activa noutrora como esquecida actualmente.
Velaí a historia dunha ambición medieval que tivo lugar na fortaleza de Sande (Cartelle) e que fala dun ninguén que se quixo facer coa torre sen que lle pertencera e para elo non dubidou e sacrificar a dous nenos, sobriños seus, os lexítimos herdeiros

Semella o título un remedo dalgunha xogada rexistrada nunha partida de xadrez, pero no fondo non deixa de ser, sen máis, a historia duna ambición que como case tódalas historias contaxiadas de ambición rematan nun estrondoso fracaso, pero que paga a pena contar ó fío, neste caso, do recente coñecemento que tivemos os lectores deste xornal do paso doutros dous monumentos históricos da provincia "á lista vermella" do patrimonio monumental ourensán debido ó seu estado de abandono e ó consecuente perigo de desaparición ó que están sendo abocados pola inacción e a inanición dos seus propietarios.

A modo de exemplo, o fin non é outro có de demostrar que os monumentos históricos non son só pedras máis ou menos ben colocadas nun momento determinado da historia, senón que son auténticos contedores de vidas vividas noutrora que, de ter a oportunidade de coñecelas, amósannos ata que punto os crisois humanos que moveron noutrora á sociedade e que a fixeron evolucionar cara un ou cara outro sentido, son os que, para ben ou para mal, continúan a mover hoxe o mundo.

Esta é, pois, unha das moitas pequenas crónicas que acolleu nun momento da historia a fortaleza de Sande (Cartelle) -outro deses edificios ameazados pola forza da gravidade e o esquecemento- e que é moi posible que nin sequera a grande maioría dos seus veciños coñezan.

Esta é a historia de García de Miranda, un ninguén a quen a codicia por querer ter o que non lle pertencía e a ambición por querer ser o que non podía, acabou custándolle a vida, pero non só a el, senón tamén a dous inocentes ós que as circunstancias do momento os colocou onde non debía.

Estamos falando de mediados do século XII, cando o rei de León, Alfonso VII e a súa dona Berenguela deciden restituír a propiedade do castelo -a dicir do cronista Benito de la Cueva- ó mosteiro de Celanova, entregándollo ó seu abade, don Pelayo, "y a sus sucesores" con tódalas súas herdades "para que lo posean quieta y pacificamente", segundo documento asinado en Zamora o día 13 de maio de 1141.

Aceptando de bo grao a devolución -que lle fora furtada en tempos antergos pola raíña Urraca- a comunidade bieita rosendiana posuiu o edificio durante longo tempo, ata que "en gratificación de algunos servicios prestados" decidiu cederllo en foro ó feudal Alvaro de Puga co fin de que protexera esas terras "entre los ríos Miño y Arnoya, a dos leguas de Ribadavia, tres de Celanova y cuatro de Orense".

Pero Álvaro de Puga morre e os seus herdeiros deixaron paseniñamente de pagar os foros que lles correspondían, ata que o predio feudal chegou a mans de Ruy Fernández de Puga, quen si decidiu devolverllo de novo ó convento "para descargo de su conciencia".

Pero, como Fernández de Puga deixaba dous fillos de curta idade -6 e 8 anos- nomeou como titor ó tal García de Miranda, tío dos dous infantes por ser cuñado seu e irmán da súa muller.

Relata o cronista que, aceptado o encargo, a García de Miranda creceulle a codicia e para facerse dono da fortaleza "trató de matarlos escondidamente, puso sus malos deseos e ejecución, hízose señor de la hacienda, derramando la sangre inocente de sus sobrinos y enterrolos en la iglesia de Sande, en un pequeño sepulcro de piedra".

Pero como a conciencia o atormentaba, no leito de morte confesou o dobre crime e no seu testamento devolveu de novo a fortaleza a Celanova.

Entón, o abade "don Pelayo, mandó traer al monasterio el sepulcro de piedra de los niños y lo colocó en las gradas del altar mayor, al lado de la epístola".

Loxicamente, de todo isto nada queda, a non ser a crónica que lle dá vida ás pedras e incrementa o seu valor, aínda que non o pareza.

 

Tempos de Afonso Henriques, nos que os ourensáns puidemos ter sido portugueses

Torneo Arcos de Valdevez.jpg_web

Por máis que o relato poida semellar intranscendente, a existencia da fortaleza de Sande non o é tanto, xa que logo, colócanos nun momento crucial do devir da actual fronteira, que nos mantivo separados oito séculos e agora nos une, aínda que sexa relativamente, a galegos e portugueses.

Digo isto porque, segundo conta Diogo Freitas do Amaral na súa biografía sobre o primeiro rei de Portugal, superado o ecuador do século XII, Afonso Henriques levou a cabo varias escaramuzas por distintos lugares do Ourense actual co fin de agrandar o seu "condado portucalense" ata os territorios do Miño tamén polo interior e incluso asinou co reino de León, varios pactos de non agresión, case sempre inclumplidos.

O primeiro deles tivo lugar en Tui, onde o portugués se comprometeu a non organizar, nin permitirlle ós seus vasalos, incursións armadas no territorio galego, mentres que o segundo, xa con Fernando II á fronte do reino de León, foi no cenobio celanovés, onde, despois do intento de conquista de Sande por parte do portugués, o rei Fernando promoveu un segundo acordo -escribe Freitas do Amaral- no que non só asinaron un tratado de paz, amizade e non agresión mutua, senón que "Afonso Henriques lle concedeu a man da súa filla máis vella, Urraca, con tan só 12 anos, ó rei de León e de Galicia, Fernando II".

Previamente, en 1141, Afonso Henriques e Alfonso VII -curmáns por vía materna- protagonizaran en Arcos de Valdevez un evento que teñen moi presente en Portugal e que aínda hoxe rememoran en Aros porque o consideran o momento fundacional do país veciño e que non deixa de ser tamén unha lección de historia en si mesmo.

Foi o coñecido como "Torneio de Valdevez", xa que en substitución dunha batalla que podería provocar milleiros de mortos, ámbolos dous líderes acordaron organizar unhas xustas medievais, concedéndolle a vitoria a quen resultase gañador dos xogos, cousa que conseguiron os de Afonso Henriques.

Oxalá, antóxaseme a min, nestes tempos de Eurocopa, as guerras se dirimiran actualmente por medio de partidos de fútbol!

Te puede interesar