Os gandeiros de Trives reclaman obter uns prezos xustos

Manifestación del sector ganadero en Xinzo de Limia, en marzo de 2022. ÓSCAR PINAL
photo_camera Manifestación del sector ganadero en Xinzo de Limia, en marzo de 2022. ÓSCAR PINAL
O martes maniféstanse os gandeiros en Lugo apoiando a asociación organizadora

Os produtores e gandeiros do Macizo Central apoian a manifestación que a asociación Gandeiros Galegos da Suprema ten convocada para o vindeiro martes pola mañá nas rúas da cidade de Lugo.

O presidente da Asociación Agrogandeira do Macizo Central (Agromacen), Pedro Rodríguez Parente, pide aos seus asociados que acudan, afirmando que “o martes estaremos apoiando a esta asociación e animo a todos os gandeiros que asistan a manifestarse ante a situación que estamos a vivir”. Esta asociación conta con preto de 600 socios, gandeiros de explotacións da montaña ourensá de vacún de carne, ovino e caprino en extensivo, que ven como os seus custes cada vez son máis elevados, segundo manifesta o presidente, polo que se solidarizan coa movilización organizada, “estamos dacordo con todos e cada un dos motivos expostos que levaron a esta manifestación”, di Rodriguez Parente.

Desde Agromacen, que na actualidade aglutina arredor de 600 socios da zona máis oriental da provincia, manifestaron o seu apoio reiterando que “somos conscientes de primeira man  e sufrimos, coma o resto, tódalas consecuencias dos elevados custes de produción e os recortes que se aveciñan na nova PAC, así como os baixos prezos que reciben os gandeiros en orixe pola carne”, motivos todos eles de dita movilización.

Rodríguez Parente salienta ademáis que “a Lei da Cadea Alimentaria é unha cortina de fume que choca co libre mercado. Desde logo fáltanos democracia no sector agrario e temos unhas institucións sen renovar desde o ano 2001”.

Un autobús partirá desde os concellos de A Pobra de Trives e Chandrexa de Queixa para levar aos gandeiros mañá martes día 18 ata Lugo, sumándose a esta convocatoria. “Animamos a que gandeiros e agricultores se anoten e veñan á manifestación e desde logo animaremos a que os que non podan vir a esta, que asistan ás próximas, que as haberá. Esperamos celebrar unha gran manifestación de cara ao outono en Santiago”. 

A manifestación partirá ás 11,30 horas do Polígono industrial das Gándaras, e tras percorrer as principais rúas da cidade, parará nos edificios da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

Te puede interesar