Certamen

Convócanse os III Premios de Investigación do Campus da Auga

O prazo de presentación de solicitudes para os galardóns remata o 11 de xaneiro de 2021

A convocatoria dos III Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga 2020, feita pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, xa está aberta. Estes galardóns pretenden estimular a promoción do Campus Auga, proxecto de especialización do Campus de Ourense, distinguindo accións destacadas no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación que contribuían a situar e consolidar este campus como un referente internacional en temáticas relacionadas coa auga. A dotación económica dos premios, que ascende a un máximo de 3.600 euros, é proporcionada por Viaqua, no marco dun convenio de colaboración asinado entre esta empresa e a Universidade de Vigo.

Poden concorrer a calquera das modalidades dos galardóns persoal docente e investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo e o alumnado desta Universidade matriculado no curso 2018/2019 ou no curso 2019/2020 que cumpra os requisitos da modalidade do premio ao que se presenta.

Os galardóns contan con cinco categorías: premio ao traballo fin de grao/traballo fin de mestrado máis destacado; premio de investigación a teses de doutoramento; premio de investigación á mellor contribución científica; premio ao mellor resultado de transferencia e premio a accións ou actividades de divulgación científica. Unha comisión presidida polo director do Campus Auga, Enrique Barreiro, avaliará as propostas presentadas. Os Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga xorden ao abeiro dun convenio marco de colaboración asinado en 2019 entre Viaqua e a Universidade de Vigo.

Te puede interesar