Universidade

A UVigo estrea o primeiro asistente virtual en galego

as3_resultado
photo_camera Imaxe do funcionamento do asistentes virtual da Universidade de Vigo.
A ferramenta está pensada para dar servizo e resolver dúbidas de toda a comunidade universitaria

A Universidade de Vigo acaba de converterse na primeira institución pública en dispor dunha aplicación de atención a usuarios baseada en intelixencia artificial e comprensión e procesamento de linguaxe natural en galego. Desenvolvido pola empresa Asistentes Virtuales, a aplicación de atención aos usuarios permite acceder á información dos sitios web e outras fontes da Universidade de Vigo de xeito fácil e “amigable” con aprendizaxe cero. “Non se trata dun simple ‘buscador’, senón dunha ferramenta de comprensión que realiza desambiguacións semánticas, analiza gramaticalmente as sentenzas e considera focos e contextos de conversa, gramática implícita, información da contorna e datos recibidos ou coñecidos do usuario. Todo isto permite personalizar as conversas e ser proactivo no diálogo”, explica a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. 

A vicerreitoría que dirixe Valderrama, xunto á de Planificación e Sostibilidade, colaboraron na posta en marcha do asistente virtual, que ten como usuario potencial principal o alumnado, aínda que tamén vai dirixido ao persoal docente e investigador e ao de administración e servizos. "Ademais de potenciar a actitude pioneira da UVigo, tamén é unha ferramenta para coñecer as inquedanzas dos colectivos usuarios, para a unificación das respostas e para a detección de carencias”, detalla José Luis Míguez Tabares, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade. 

Aínda que na fase inicial se pretenden cubrir as preguntas asociadas aos procesos de matricula e datos de contacto do directorio da Universidade, así como preguntas típicas máis frecuentes da institución, "a posibilidade de proporcionar información aos usuarios por parte do asistente virtual, case non ten límites", asegura Mónica Valderrama. En canto á elección da mascota da Universidade como imaxe do asistente virtual considerouse a máis axeitada "porque permite adoptar unha postura inclusiva en cuestións de sexo, ademais de que representa a enerxía da UVigo e é un ser positivo e amigable", explica a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais. 

Polo de agora, as preguntas dirixidas ao asistente virtual, ademais de por escrito, poden ditarse a través de dispositivos que teñan a posibilidade deste tipo de input, por exemplo os teclados de dispositivos móbiles baseados en Android ou iOS. "Proximamente incorporarase un micrófono nos navegadores Chrome, de xeito que con ese navegador tamén será posible preguntar usando a voz, independentemente do dispositivo", explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade.

Te puede interesar