FINANCIAMENTO

145.000 euros para actividades culturais e de investigación

José Manuel Baltar e Salustiano Mato, durante o encontro.
photo_camera José Manuel Baltar e Salustiano Mato, durante o encontro.

Universidade de Vigo e Deputación de Ourense renovan o seu marco de colaboración.

A Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense renovarán en 2016 o seu marco de colaboración. Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, reuníronse no Pazo de Vilamarín para analizar o convenio anual que veñen subscribindo as dúas entidades para a realización de cursos de extensión universitaria, obradoiros e actividades culturais e de investigación no campus de Ourense.

No encontro acordouse que para o exercicio 2016 a cantidade que a entidade provincial achegará á institución académica por este concepto ascenderá a 145.000 euros.
Os representantes das dúas institucións tamén avanzaron na consolidación e posta en marcha de novas vías para o fomento da mobilidade e a captación de alumnado. Sobre as bolsas Ourense Exterior, o compromiso da Deputación é mantelas e, na medida do posible, incrementalas creando bolsas de estudo ligadas aos mellores expedientes, para que realicen estudos de grao no campus de Ourense.

Outras posibilidades analizadas na reunión son bolsas ou axudas no transporte urbano, ou no transporte en tren ou autobús dende outros puntos da xeografía galega ou do estado ata Ourense, e axudas vinculadas á práctica deportiva, especialmente deportes acuáticos e ao uso de instalación balnearias.

No ámbito das tecnoloxías da información, Baltar e Mato estudaron a creación dunha páxina web específica onde se promocione conxuntamente a provincia e campus de Ourense e na que se inclúa información das axudas e dos proxectos e iniciativas que levan a cabo as dúas entidades.n

Te puede interesar
Más en Universitas