INVESTIGACIÓN

Aumento da presenza de moluscos tropicais na costa atlántica española

Investigadores de Ciencias do Mar estudan a relación entre as alteracións na distribución destas especies e o cambio climático

Un equipo de investigadores galegos leva varios anos estudando os cambios na distribución dos moluscos gasterópodos na costa atlántica da península ibérica. O seu obxectivo inicial era crear un mapa da distribución das especias na actualidade para, comparándoo con datos de hai décadas, determinar os avances e retrocesos das poboacións.

Tras culminar esta etapa, agora comezou un novo proceso, centrado en buscar datos que vinculen estes cambios poboacionais ao cambio climático. Os profesores da Universidade de Vigo Marcos Rubal e Jesús Souza Troncoso colaboran neste proxecto con Puri Veiga, da Universidade de Santiago de Compostela e Juan Moreira, da Universidade Autónoma de Madrid. Explican que este proxecto naceu en 2010 cando, traballando noutros estudos, detectaron algunhas especies de gasterópodos que non eran habituais en Galicia.

En 2011 puxeron en marcha unha investigación específica que comprendeu mostraxes dende o sur de Portugal ata a Mariña lucense “para ter unha idea xeral da distribución destas especies, que principalmente son caracois”. Grazas a este traballo de campo contan xa cunha visión global da distribución que permite identificar cambios na mesma, e así seleccionar seis especies nas que se detectaron cambios substanciais de distribución para estudalas en detalle: tres boreais de augas frías que estaban retrocedendo e tres tropicais que comezaban a aparecer en zonas onde non eran habituais.n

Te puede interesar
Más en Universitas