TRIBUTACIÓNS

Bonificación do 95% no pago do IBI polos edificios do campus

O reitor cualificou o convenio de “histórico”, xa que afianza o compromiso de colaboración entre Concello e Universidade

De “histórico” cualificou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o acordo acadado co Concello de Pontevedra, que suporá unha bonificación do 95% no pago do Imposto sobre Bens Inmobles polos edificios do campus de Pontevedra. O reitor e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, explicaron os detalles dun convenio que suporá, en palabras do rexedor pontevedrés, unha “redución drástica do pago que tiña que facer a Universidade polos inmobles”, de preto de 100.000 euros anuais.

Mato remarcou que se trata “dun antes e un despois”, unha decisión que agradeceu á corporación municipal e que considera “xenerosa pero tamén intelixente”, xa que suporá “un contexto inmellorable para fortalecer aínda máis a colaboración que xa temos entre ambas entidades”, e se traducirá nunha maior implicación da Universidade coa cidade. De feito, o acordo asinado este venres supón un marco institucional para varios proxectos conxuntos que se viñan desenvolvendo en Pontevedra. Trátase para Mato dunha “colaboración interinstitucional para poñernos ao servizo da cidadanía para, empregando as capacidades que ten cada institución, buscar fórmulas e iniciativas que lle resolvan os problemas aos cidadáns”.

Na súa intervención, o responsable universitario tamén amosou o seu desexo de que un acordo deste tipo se poida reproducir nas outras dúas cidades nas que a institución académica ten campus, Vigo e Ourense.n

Te puede interesar
Más en Universitas