UNIVERSITAS

O cinema con acento francés chega á Casa das Campás

g2_result
photo_camera Unha das escenas de "O abile dos ánxeles".

Entre o 11 e o 15 de maio, a sede da Vicerreitoría acolle un ciclo dedicado ao director Jacques Demy

Un dos máximos expoñentes da Nouvelle vague, Jacques Demy, centra o primeiro ciclo que a Vicerreitoría do campus dedica ao cinema francés. A proxección de catro dos seus filmes e o relatorio da investigadora Bárbara Santos, que dedica a súa tese de doutoramento a este cineasta, conforman o programa dunha actividade aberta a toda a cidadanía, que se desenvolverá na Casa das Campás entre o luns 11 e o venres 15. Trátase ademais dun ciclo que é froito da colaboración do Instituto Francés de Cine coa Vicerreitoría do campus “e que de forma desinteresada permítenos proxectar unha serie de películas que doutro xeito sería difícil poder ver na cidade”, como sinala Manuel Morquecho, responsable da área de Extensión Cultural do campus.


Coa proxección da primeira longametraxe do que é un dos referentes do cinema francés do pasado século, o drama Lola, de 1960, abrirase o vindeiro luns ás 20.00 horas un ciclo conformado por catro proxeccións en versión orixinal, con subtítulos en castelán. Ao día seguinte, a Casa das Campás acollerá a exhibición da segunda película de Demy, a comedia O baile dos ánxeles, de 1963, mentres que o mércores 13 proxectarase o musical As señoritas de Rochefort, protagonizado por Catherine Deneuve. Xa o xoves 14, aqueles que se acheguen pola Casa das Campás poderán ver Pel de asno, a adaptación que este director realizou dun conto de fadas de Charles Perrault, de novo con Deneuve como protagonista.

Te puede interesar
Más en Universitas