UNIVERSITAS

Encontro de expertos en biomateriais na illa de San Simón

gal01_result
photo_camera Un dos grupos de investigadores organizadores da segunda edición do foro.

Un novo formato de presentacións rápidas dará un maior impacto aos traballos dos 32 investigadores

 Naceu coa vocación de fomentar a cooperación e a interdisciplinariedade que tanto se precisa no ámbito do desenvolvemento de materiais avanzados capaces de rexenerar tecidos danados e chega agora á segunda edición apostando polos novos investigadores. O II Foro da Rede Galega de Biomateriais celebrarase o 9 de outubro na illa de San Simón, alí expertos de toda a Península reuniranse para poñer en común os avances dos seus traballos e os retos aos que se enfrontan. A organización porá en marcha un novo e orixinal formato de relatorios e presentacións rápidas que permitirá poñerse ao día nunha única xornada de 32 investigacións que se están a levar a cabo nas áreas do deseño, a produción, a caracterización e a aplicación dos biomateriais.


A sesión estará dividida en dúas partes, unha na que 12 científicos senior disporán de 20 minutos para expor as liñas xerais dos seus traballos e outra na que uns 20 investigadores terán que concentrar os seus discursos en tres minutos. Este novo formato, “máis interesante que os tradicionais pósters”, axudará a todos os poñentes a ter “un maior impacto” ao poder dirixirse a todo o auditorio, como asegura Pío González, coordinador da Rede Galega de Biomateriais (RGB) e investigador da Universidade de Vigo. Segundo González, “a idea é darlle a oportunidade a todos aqueles investigadores e investigadoras que desexen presentar a súa liña de traballo, especialmente ao colectivo máis novel que está a realizar a súa tese de doutoramento”.

Te puede interesar
Más en Universitas