MODA

Esdemga faise un oco entre a historia da moda de Galicia

Na inauguración, puideron verse os proxectos de Sheila Pazos e Paula Sobrino

Tomando como punto de partida unhas pinturas murais da igrexa de Vilar de Donas e unha representación da indumentaria dos galegos do século XVI de Césare Vellecio, alumnado e profesorado de Esdemga deu forma a unha reintrepretación contemporánea de traxes históricos, que desde esta xornada forma parte da exposición

Confío en Galicia, inaugurada hoxe venres na Cidade da Cultura. Neste percorrido pola historia da vestimenta e da moda galega, que reúne máis de 300 pezas, non podía estar ausente esta titulación da Facultade de Belas Artes, tamén representada no desfile inaugural por unha escolma dos proxectos de fin de estudos cos que Sheila Pazos e Paula Sobrino foron premiadas na última edición de Debut. “Que nunha exposición deste tipo nos recoñezan como unha escola a ter en conta sempre é interesante”, recoñece a directora de Esdemga, Lola Dopico, que tamén prestou o seu asesoramento a esta mostra comsiariada polo historiador Miguel Anxo Seixas, na selección de deseñadores e deseñadoras contemporáneos.

Nese senso, Dopico incide en que a pegada de Esdemga nesta exposición, que busca poñer en valor o peso do sector téxtil galego, vai máis aló dos tres estilismos que achegan á mostra ou da participación das egresadas Pazos e Sobrino na xornada inaugural, xa que no apartado dedicado aos novos talentos da moda galega figuran nomes como os das egresadas Eva Soto, Elena Rial, Amaí Rodríguez Coladas ou Menchu Mora. “Para nós iso tamén é realmente interesante, ver que non só estamos aquí como escola, senón tamén representados a través de creadoras que están na exposición con nome propio”, sinala a responsable de Esdemga, que tamén contribúe cun artigo sobre a evolución da moda desde a década de 1980 ata a actualidade ao catálogo editado con motivo dunha exposición que poderá visitarse ata o 11 de setembro en Santiago e na que os deseños de Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Antonio Pernas, comparten espazo con pezas vinculadas coa historia da vestimenta ou reproducións de propostas como o traxe tradicional galego deseñado por Pablo Picasso.n

Te puede interesar
Más en Universitas