UNIVERSITAS

Futuros fornecedores do tecido empresarial galego

a2_result
photo_camera Os estudantes premiados desta cuarta edición dos Premios Incuvi-Emprende.

A Universidade de Vigo entregou os IV Premios Incuvi-Emprende a estudantes dos tres campus, seis de Vigo, catro de Ourense e dous de Pontevedra

 O pasado xoves comeza a aventura empresarial para os promotores dos 12 proxectos gañadores da cuarta edición dos Premios Incuvi-Emprende, a máis numerosa dende que arrancou esta iniciativa. Por primeira vez, o campus de Ourense integra a súa pre-incubadora nesta convocatoria converténdose, como explicou no acto de entrega a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, “nun proxecto integral e coordinado cun alcance pleno tanto no xeográfico como no académico”. Os seis proxectos gañadores do campus de Vigo, catro de Ourense e dous de Pontevedra foron seleccionados entre un total de 44 iniciativas presentadas por máis de 70 estudantes emprendedores e emprendedoras.
Para elas e elas arranca un ano de intenso traballo nas instalacións da pre-incubadora do campus Vigo, de AJE en Pontevedra e na Tecnópole de Ourense.

O reitor da Universidade, Salustiano Mato, entregou as chaves destes espazos aos galardoados xunto cos representantes das empresas e institucións colaboradoras e lembrou que “cada vez sodes máis, cada vez máis ideas e máis talentos que se suman ás iniciativas emprendedoras da nosa Universidade e cada vez en máis ámbitos do saber, non só do mundo tecnolóxico e científico, senón tamén das humanidades e do eido xurídico social”. Mato puxo en valor o esforzo destes estudantes e constatou a importancia de que o talento emprendedor e a creatividade se vai forxando cada día para converterse no empresariado de futuro do país, “ese é o relevo xeracional que nós queremos contribuír a facer”. Con todo, recoñeceu que o emprendemento é “unha materia pendente da universidade española”, pero cada ano son menos os estudantes que consideran “como única saída profesional ser empregado público ou traballador por conta allea”. De feito, o reitor remarcou o alto índice de startups que se están creando na Universidade de Vigo e, a través delas, “aspiramos a que levades o nome da vosa Universidade xunto co da vosa marca, que sexades Actitude Uvigo”.

As tres primeiras edicións dos Premios Incuvi-Emprende deron acubillo a 20 iniciativas, algunhas delas consolidadas xa como empresas, como lembrou a vicerreitora de Estudantes. González tamén incidiu en que Incuvi-Emprende é algo máis ca espazo e uns agasallos, “é a oportunidade de contar a vosa idea, de compartila, mellorala, acadar contactos e formarse”. Por iso, ademais destes locais durante un ano, os gañadores reciben teléfono fixo e móbil, un dispositivo de web-TV e un bono formación de 1000 para cada un dos compoñentes dos proxectos e a asistencia de balde a cursos e sesións organizados polas entidades patrocinadoras. Pero ademais, os premiados recibiron xa os seus primeiros consellos, de parte precisamente dun dos galardoados na pasada edición, Rodrigo Garrido, de Stuckers, unha empresa que pon en contacto persoas que buscan un piso compartido.

“O noso paso por Incuvi foi clave” recoñece, pero lembra que “emprender é como unha maratón, unha montaña rusa de emocións”. Aos que agora toman a súa remuda aconséllalles ser rápidos, “porque é mellor fracasar rápido e barato que lento e caro”. Tamén lles recomendou non buscar o produto perfecto, “xa virá co tempo” e engade a esta lista escoitar moito e estar dispostos a colaborar; traballar duro, “é a única maneira de que vos tomen en serio”; aproveitar as sinerxías con outros emprendedores e os contactos e “sobre todo, crede en vós mesmos". n

Te puede interesar
Más en Universitas