CULTURA

Música, teatro cine nas tardes de outono da Universidade

concierto_result
photo_camera A Maravillosa Orquesta del Alcohol abrirá a programación cultural da UVigo.

A programación cultural traerá, entre moitas outras propostas, a vindeira semana a Sarabela cun ensaio de José Saramago

Un ambiente cultural e artístico no que todo o mundo atope propostas que lle gusten. Con este espírito se deseñou a programación cultural da Universidade para este outono, un cartel cheo de música, teatro e cine que arrancará hoxe no Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria co concerto da burgalesa Maravillosa Orquesta del Alcohol, La MODA, que chega a Vigo tras triunfar en Benicássim co seu segundo traballo La primavera del invierno.

A cita será ás 18.30 horas e nela o público terá a oportunidade de coñecer de preto un orixinal sexteto que mestura música acústica con acordeón, banjo, mandolina e saxofón e que leva catro anos sen parar de facer cancións e tocalas en directo, en festivais, en salas, en bares ou na rúa. E tras a música, o día 28, chegará o teatro coa adaptación da obra de José Saramago, Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, a nova produción de gran tamaño desta compañía, estreada apenas hai un mes en Ourense, con nove intérpretes, da novela do Nobel.


No eido musical, a programación deste outono-inverno regresará o 19 de novembro ás 18.30 horas coa volta ao campus da cantautora galega Sés que nesta ocasión tocará as cancións do seu terceiro álbum, "Tronzar os valos". Será nunha xornada na que a autora participirá tamén nun relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde as persoas interesadas terán a oportunidade de intercambiar con elas ideas e opinións.

O éxito das edicións anteriores trae consigo unha nova edición dos Concertos da Anecoica, un particular experimento que volverá levar a música á sala anecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, un espazo sen eco, ideal para a experimentación musical. Os concertos serán o 13 e 18 de decembro da man de Lucía Lugrís e Raúl Reyes, intérpretes do Conservatorio Superior de Música de Vigo, e de Su Garrido Pombo e Margarida Mariño, músicas viguesas que interpretarán desde bossa nova ata trip-hop.

E de clásico a clásico, xa que un ano máis, a Universidade volverá participar no VertixeVigo15, que nesta ocasión chegará ao vestíbulo da ETS de Enxeñaría de Minas o 25 de novembro coa estrea da obra musical Na procura do Sisili, con Vicente Grau e Pablo Beltrán.


Na programación teatral, o Ensaio sobre a cegueira de Sarabela Teatro traerá o Vidal Bolaño a posibilidade de gozar dunha obra que, polo momento, só se representou o día da estrea e na que se relata a pandemia de cegueira dunha sociedade egocéntrica e violenta. Desde un ángulo moi distinto, a outra cita teatral chegará desde Sevilla coa proposta da compañía Pez en Raya e o seu Mr. Kebab na que se mestura maxia e humor absurdo protagonizado por Joan Estrader.


A programación cultural volve apostar, coa colaboración do Centro de Linguas, polo ciclo Cine e Lingua con películas en versión orixinal no edificio Cambón do Casco Vello. Serán cinco longametraxes en inglés con subtítulos en castelán e todas as películas teñen como denominador común vidas de personaxes extremos que viven unha situación límite. A primeira citá será o 28 de outubro coa proxección de The Field, de Jim Sheridan.


A programación cultural da Universidade de Vigo pecharase este ano con dúas citas destacadas: a XXV edición da Semana Internacional de Cine Submarino e o concerto de Nadal, o 17 de decembro e que se traslada ao Auditorio Mar de Vigo. Estes dous eventos serán os encargados de pór o colofón ás accións culturais da celebración do 25 aniversario da Universidade de Vigo. A entrada a todas as actuacións é de balde ata completar aforamento, agás o Concerto de Nadal que precisa invitación.

Te puede interesar
Más en Universitas