Nova app para persoas con dificultades comunicativas

Sergio Álvarez, Enrique Costa e Fátima García.
photo_camera Sergio Álvarez, Enrique Costa e Fátima García.

Denominada PictoTalk, trátase dunha aplicación de mensaxería instantánea desenvolvida polo proxecto Accegal.

Para as persoas sen comunicación verbal, que non poden falar, ler ou escribir, a comunicación con sistemas de mensaxería instantánea como o Whatsapp ou o Telegram non é posible.

Polas súas necesidades específicas, precisan dun sistema de comunicación que permita o emprego de pictogramas no lugar de texto e nisto é no que se basea a aplicación para dispositivos Android PictoTalk, desevolvida por Accegal, un proxecto de colaboración entre profesorado de centros públicos e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles.

O enxeñeiro Sergio Álvarez traballou durante un ano no deseño da aplicación ata convertela no seu proxecto fin de carreira da man do profesor Enrique Costa e a mestra e pedagoga Fátima García. Dende xullo, que comezou a estar dispoñible na páxina de Accegal e en GooglePlay, a App ten xa máis de 600 usuarios.

Trátase dunha aplicación de mensaxería instantánea para usuarios sen lectoescritura aos que lles permite a comunicación a través de pictogramas que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. Para os investigadores que forman parte de Accegal esta nova aplicación é un salto cualitativo na súa traxectoria. Se ben ata agora puxeran a disposición dos usuarios aplicacións que requirían que os usuarios estivesen no mesmo lugar, PictoTalk é un sistema de mensaxería que permite a comunicación a distancia.

Te puede interesar
Más en Universitas