UNIVERSITAS

Un outono para iniciarse no teatro, a música ou a fotografía

obradoiros_result
photo_camera Cartaz dos obradoiros para o primer cuadrimestre no Campus de Pontevedra.

Arrincan os obradoiros de extensión cultural da Vicerreitoría, abertos a toda a cidadanía

 Chegou o outono e con el o tempo de achegarse ao teatro, á fotografía documental, ao canto, á construción de instrumentos ou a prevención de riscos laborais. Estas son as cinco temáticas que centran os obradoiros abertos a toda a cidadanía que a Vicerreitoría do campus pon en marcha neste primeiro cuadrimestre e que manteñen aberto o seu período de inscrición. “A nosa idea é sempre que sexan propostas que poidan interesar a todo o mundo”, apunta o responsable de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, dunha oferta formativa que bota a andar esta mesma semana cun obradoiro de fotografía documental e na que se combinan actividades xa desenvolvidas en edicións anteriores coa “vontade de apostar por novas propostas”, como un obradoiro de música vocal moderna.


A Casa das Campás, a EE Forestal e as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Ciencias Sociais e da Comunicación serán os espazos nos que se desenvolvan, entre outubro e decembro, estes cinco obradoiros de entre 30 e 33 horas de duración, que teñen un prezo de 40 euros para o público xeral, 30 para os membros da comunidade universitaria e 20 para estudantes beneficiarios dunha bolsa do Ministerio de Educación. Un ciclo de obradoiros que está previsto dea comezo este mércores, co inicio na Casa das Campás do curso Fotografía documental e de rúa, un taller dirixido polo profesor de Belas Artes Manuel Sendón e impartido polo fotógrafo e graduado por esta facultade José Rodríguez Romay. Un obradoiro que achegará aos participantes á historia deste xénero fotográfico ao tempo que tratará de dotalos de ferramentas tanto para valorar como para levar a cabo este tipo de traballos, que mantén aberta a súa matrícula.

Inscrición a través da rede
Por primeira vez, a matrícula nestes obradoiros de Extensión Cultural poderá desenvolverse no campus integramente a través da rede. En primeira instancia, sinala Morquecho, ábrese un período de reserva de prazas e non será ata que se alcance o número mínimo de inscritos necesarios para poder levar a cabo a actividade cando se proceda a realizar, tamén a través da rede, a matrícula e o pago das taxas dun cursos recoñecidos con dous créditos de libre elección e un crédito ECTS.

Te puede interesar
Más en Universitas