OBRADOIRO

Tras o porqué dunha fotografía, na Casa das Camoás de Pontevedra

Unha ducia de persoas participan nun obradoiro impartido por José Romay

Que o alumnado poida comprender a figura do fotógrafo ou fotógrafa como un “cazador”, disposto a agardar durante horas ou días antes de disparar a súa cámara é o propósito principal do obradoiro de Extensión Cultural que o fotógrafo José Romay imparte nestes días na Casa das Campás.

Integrado na oferta formativa, aberta a toda a cidadanía, da Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre, o curso Fotografía documental e de rúa trata de achegar ao alumnado as primeiras claves para unha “viaxe persoal” na busca “do porqué dunha foto”, así como afondar nas traxectorias dos principais referentes da historia da fotografía documental.

“Desde hai un par de décadas, atopámonos nun vórtice de consumo de imaxes que nada ten que ver co traballo dun fotógrafo”, salienta este egresado en Belas Artes, recoñecido con distincións como o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e responsable de impartir un obradoiro dirixido polo profesor Manuel Sendón.

Un obradoiro que desde comezos de outubro busca achegar aos asistentes a unha idea da fotografía “moito máis pausada”, sustentada na idea da espera e da busca. “Moitos dos alumnos son xente que quere saber que facer cunha cámara, que dominan os aspectos técnicos pero que están casos de facer fotografías de solpores ou dos seus sobriños”, apunta Rodríguez Romay, que presenta este obradoiro como “unha porta aberta a un camiño persoal moito máis grande”, o da iniciación no mundo da fotografía documental e de rúa.

DA TEORÍA Á PRÁCTICA

Con ese mesmo obxectivo de achegar ao alumnado á realidade e as características do xénero, a vertente teórica deste obradoiro compleméntanse cunha serie de sesións prácticas, nas que os asistentes teñen que saír á rúa co propósito de realizar imaxes nas que “intenten imitar a estética” dalgún dos referentes previamente abordados na clase, como Henri Cartier-Bresson, Garry Winogrand, Trent Parke ou Alex Webb.

“A idea é que saian á rúa e se dean conta do que é ser un cazador, unha persoa disposta a pasar horas de espera e aburrimento”, salienta Romay respecto dunha proposta que se complementa co posterior debate na clase dalgunha das fotografías realizadas polos alumnos e alumnas

Te puede interesar
Más en Universitas