UNIVERSITAS

Preocupación polo presente e futuro da lingua e cultura galegas

declaracion_result
photo_camera Facultade de Filoloxía e Traducción da Universidade de Vigo.

Nunha declaración conxunta, os departamentos de galego do SUG demandan apostas pola normalización lingüística

 A poucos días da celebración do Día das Letras Galegas, os departamentos de galego das tres universidades do país veñen de facer pública unha declaración conxunta na que advirten que a situación do idioma propio non deixa moitos motivos para a celebración.
Os directores dos departamentos de Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo), Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña) e Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) asinan un documento no que amosan a súa “profunda preocupación pola situación actual e polo futuro da lingua e cultura galegas”.

E é que. segundo explican, os últimos datos estatísticos publicados amosan que o uso e transmisión da lingua propia “retrocedeu de forma alarmante nas xeracións máis novas, o que implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria”. Os membros dos departamentos das tres universidades galegas tamén alertan da “preocupante redución de persoal e a drástica e alarmante diminución de investimentos en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada, por non falarmos do recuamento da lingua galega na administración pública (incluíndo as propias universidades) e no sector privado”.


Aprobada por unanimidade polos tres consellos de Departamento, os asinantes sinalan dúas causas principais que levaron ao galego a esta situación que definen como “preocupan te”: a falta de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e, de forma subseguinte, os efectos contraproducentes do Decreto de Plurilingüismo do ano 2010. No documento defenden a lingua propia como “patrimonio de todos os galegos e galegas” e reclaman dos poderes públicos que actúen con “afouteza” e aposten decididamente pola normalización lingüística, “emendando todo o que for preciso a liña de actuación política nesta materia e cumprindo as súas obrigas legais” de defensa e promoción do galego.

Te puede interesar
Más en Universitas