UNIVERSITAS

Romo, novo decano de Ciencias da Educación e do Deporte

Entre outras medidas anunciou a elaboración dun plan estratéxico para a acreditación de titulacións

Co propósito claro de contribuír desde a dirección do centro á formación “de profesionais excelentes, competentes e comprometidos nos campos da educación e a actividade física”, o director do Departamento de Didácticas Especiais da Universidade, Vicente Romo, converteuse nesta xornada no novo decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Fíxoo despois de que a súa candidatura, a única presentada ás eleccións convocadas trala dimisión da súa predecesora no cargo, Francisca Fariña, obtivese este luns preto do 74% dos apoios do profesorado, alumnado e PAS que integran a Xunta da Facultade.


42 votos a favor, fronte a oito en contra, seis en branco e un nulo converten a Romo no responsable da dirección do centro durante os próximos tres anos. Labor que acometerá cun equipo do que forman parte tres dos integrantes da anterior dirección, Jorge Viaño, que exercerá como vicedecano de Calidade; Uxío Pérez, responsable de Organización Académica e Infraestruturas, e Esther Martínez, vicedecana dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria. Completan este grupo José María Pazos, como vidececano do grao en Ciencias da Actidade Física e do Deporte e Relacións Internacionais, e Cristina Varela como secretaria.


Tras agradecer o “esforzo e dedicación” dos anteriores equipos decanais, Romo achegou á Xunta de Facultade varias das propostas que pretende poñer en marcha desde a dirección dun centro “con moito percorrido por diante e cun gran capital humano”. Entre eles, apuntou á elaboración dun “plan estratéxico 2015-2020”, no que se aborde o proceso de acreditación das diferentes titulacións, que o centro deberá acometer nos próximos dous cursos. Do mesmo xeito, o decano electo incidiu tamén na importancia de “potenciar a innovación e promover a transferencia de coñecemento”, así como fomentar “a dimensión internacional dos grupos de investigación e da docencia”.


Por outra banda, cualificou de “vital importancia” a elaboración dun “plan para a atención ao alumnado con dificultades de índole persoal, académica ou de orientación profesional, en consonancia co principio de equidade que debe presidir a actuación da institución”. Nese mesmo senso, Romo avoga por “consolidar a titorización de grupos” e incentivar a orientación persoal, académica e profesional do alumnado, así como por desenvolver accións, como cursos ou seminarios, que contribúan a incrementar o seu grao de empregabilidade.

Te puede interesar
Más en Universitas