PROXECTOS DE FUTURO

Tecnoloxía láser para revolucionar os inventarios forestais

20161005121825718_result
photo_camera Nube de puntos xerada con este sistema de Lidar.

Julia Armesto desenvolve unha metodoloxía para empregar o lidar nos traballos

Dada a súa fiabilidade e produtividade, os sistemas LiDAR (Light Detection and Ranging), en concreto os láser escáner terrestre, poderían converterse nunha peza clave na modernización dos traballos de inventariado de masas forestais. Esta é a hipótese de partida da liña de investigación aberta pola profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Julia Armesto, que traballa no desenvolvemento dunha metodoloxía operacional que permita adecuar os protocolos de medición con tecnoloxía láser á caracterización con fins de inventariado das parcelas forestais, empregando unha serie de estacións terrestres coas que obter unha nube de millóns de puntos que, “fusionados nun sistema de coordenadas común, permítennos caracterizar todos os elementos” presentes na superficie analizada, recollendo así información da altura, o diámetro ou a masa das súas árbores.

“As melloras instrumentais desenvolvidas nos últimos anos fannos pensar no láser escáner 3d como unha alternativa eficiente e eficaz para estes traballos”, sinala Armesto, integrante do grupo de investigación CI5, do estudo que desenvolve no marco dun proxecto de transferencia coa empresa Geométrica, coa colaboración doutros investigadores da EE Forestal como Juan Picos. A definición dunha “metodoloxía operacional óptima para minimizar o tempo do traballo de campo” e ao mesmo tempo obter, coa maior fiabilidade posible, “as variables características das masas forestais” constitúe nese senso o eixo da primeira fase deste proxecto, tendo en conta a “casuística diferente” que implica a medición deste tipo de superficies con respecto a, por exemplo, o emprego do láser escáner para a medición de elementos inmóbiles como edificios. “Nunha contorna forestal, tes elementos todo o teu redor que che impiden visualizar o que hai detrás”, o que impediría, por exemplo, o emprego de sistemas aéreos, e obriga, como sinala á investigadora, ao uso de varias estacións láser en puntos estratéxicos da superficie co obxectivo de caracterizar toda a parcela.

Aínda que nos países nórdicos “xa está máis introducida”, esta tecnoloxía continúa a ser unha gran descoñecida no sector forestal galego, a pesares de que, sinala Armesto, “é moito máis rápida que os métodos tradicionais”, baseados no uso de forcípulas e hipsómetros, e ao mesmo tempo, máis produtiva, “xa que obtés unha maior cantidade de información, obxectiva, contrastable e revisable en todo momento”.  De feito, “algo que observamos na comparación cos métodos tradicionais é que coa observación cun hipsómetro téndese a sobreestimar a altura”, algo que non se produce co uso destas estacións, xa que as nubes de puntos xeradas permiten analizar a copa na súa totalidade.

Te puede interesar
Más en Universitas