UNIVERSITAS

A Universidade incorpórase á Fundación Triptolemos

g2_result
photo_camera José M. Vieites, José Mª Sumpsi, Salustiano Mato, José M. Silva e Lorenzo Pastrana.

Centrado no desenvolvemento agroalimentario, é o único organismo en Europa que agrupa universidades, centros de investigación, empresas e consumidores

A Universidade celebrou este luns a súa incorporación á Fundación Triptolemos para o desenvolvemento agroalimentario, entidade gobernada por un padroado presidido por Federico Mayor Zaragoza, e da que hoxe forman parte 27 universidades de toda España -17 delas co selo de Campus de Excelencia-, o Centro Superior de Investigacións Científicas, organismos de consumidores, Banco de Alimentos e algunhas das empresas máis representativas do sector alimentario español como Danone, Freixenet, Gallina Blanca ou Nestlé España.


A xuntanza, que se desenvolveu no Edificio Miralles e que contou coa participación de numerosos representantes do sector académico e empresarial, serviu tamén para anunciar que o encargado de coordinar a relación da Universidade de Vigo coa fundación, será José Manuel Silva, ex-director xeral de Agricultura e de Investigación da Comisión Europea e doutor honoris causa da Universidade de Vigo. “Para nós é todo un luxo poder contar con el para esta tarefa”, subliñou o reitor, Salustiano Mato, que ademais de destacar a profunda experiencia internacional de Silva, fixo fincapé en que dende a Universidade se traballará “man a man” coa fundación e “sobre todo, farémolo pensando claramente no sector empresarial e no que eles demandan e precisan, como nós habituamos a facer”, subliñou Mato, que estivo acompañado na presentación polo propio Silva; o presidente da Fundación Triptolemos, José María Sumpsi; o secretario xeral de Anfaco, José Manuel Vieites e un dos catedráticos que lidera a Área de Alimentación da Universidade de Vigo, Lorenzo Pastrana.


“A Universidade de Vigo incorpórase a Triptolemos e con ela chega a frescura marítima que lle faltaba á fundación”, apuntou Silva, quen destacou o carácter independente da fundación e apuntou que esta oportunidade “abre portas á facer algo e facelo relacionado co mar, un mundo moi amplo que nos pode dar múltiples posibilidades”, recalcou, ao tempo que agradeceu a confianza depositada na súa persoa, tanto por parte da Universidade como da propia fundación “con cuxo presidente compartín moitas xornadas de traballo”, subliñou o agora doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, en referencia á etapa de Sumpsi como subdirector xeral da FAO, cargo que exerceu desde 2007 a decembro de 2010.

Te puede interesar
Más en Universitas