UNIVERSITAS

Varela achega as claves do liderado institucional ao goberno de El Salvador

gal1_result
photo_camera Asistentes á conferencia do profesor Varela.

Foi un dos once docentes españois seleccionados para participar neste proxecto de cooperación internacional.

Para consolidar unha democracia, son necesarias institucións públicas ao servizo do conxunto da cidadanía, que precisan a súa vez de altos cargos “capaces de comprender a importancia do liderado institucional e a xeración de valor público en todos e cada un dos servizos”. Partindo destas premisas, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Enrique Varela vén de contribuír á formación de preto de 80 cargos directivos de diferentes estamentos da República de El Salvador, aos que nos últimos días impartiu un módulo de xestión estratéxica de recursos humanos no marco dun programa de cooperación internacional financiado pola Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento (AECID) para o “adestramento directivo” dunha serie de altos cargos deste país centroamericano.

O investigador do Observatorio da Gobernanza G3, que xa participara no 2012 na posta en marcha deste programa formativo impulsado polas institucións que conforman o Sector Xustiza e Seguridade da república centroamericana, foi un dos once docentes de toda España seleccionados polo Instituto Universitario de Investigación Ortega y Gasset para impartir, no Centro de Formación do Consello Nacional da Xudicatura deste país, os diferentes módulos que integran esta Mestría en Xerencia Pública, Xustiza e Seguridade. Altos cargos do Ministerio de Xustiza, da Corte Suprema, da Fiscalía Xeral da República, do Consello Nacional da Xudicatura ou parlamentarios da Asemblea Lexislativa integran o alumnado deste programa formativo, ao que as diferentes institucións “envían tanto ao seu persoal político como técnico”.

Promover un “adestramento e asesoramento” que contribúa ao “reforzo institucional” desta república é o obxectivo central deste proxecto, no que o profesorado seleccionado polo Instituto Ortega y Gasset, adscrito á Universidade Complutense de Madrid, propón nos diferentes módulos “unha aplicación da teoría á realidade política e administrativa concreta deste país”, como explica Varela. Neste senso, este profesor da Área de Ciencia Política e da Administración destaca como o máis positivo da experiencia que vén de vivir en San Salvador “o intercambio de experiencias cos máximos responsables políticos e técnicos dun Estado que leva 23 anos de consolidación democrática”, tralos acordos de paz que en 1992 puxeron fin á guerra civil, e que se amosaron “moi preparados e tremendamente receptivos”.

Te puede interesar
Más en Universitas