INVESTIGACIÓN

Vigo lidera un proxecto que sitúa Galicia á vangarda da enerxía undimotriz

photo_camera Un momento da presentación a cargo de Salustiano Mato e José Antonio Vilán.

LifeDemoWave conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros e tres anos de duración

Galicia é unha das zonas do mundo con maior potencial para produción de enerxía mariña e a súa situación privilexiada, a boa accesibilidade, a proximidade dos puntos de consumo e a forza do mar sitúana como potencial líder na xeración da enerxía undimotriz, producida polas ondas do mar.

Para desenvolver este sector, avaliar a súa eficiencia e analizar o impacto ambiental, a Unión Europea vén de seleccionar o proxecto vigués LifeDemoWave dentro da convocatoria Life 2014. A iniciativa está impulsada por un consorcio do que forman parte a Universidade de Vigo, dúas das súas spin-off, o Cetmar e as empresas ACSM e Grupo Josmar. Cun orzamento de 1.836.000 millóns de euros, dos que a UE achega a fondo perdido o 60% (1.034.000 euros) e unha duración de tres anos, centrarase na “demostración da viabilidade do uso de enerxía das ondas para a xeración eléctrica en zonas de alta densidade de enerxía”, como explicaba o coordinador o proxecto comisionado do Vigo Tecnolóxico, José Antonio Vilán, na presentación pública no campus de Vigo. 

Vilán destaca o labor previo neste eido desenvolvido polos tres grupos da Universidade de Vigo implicados, CIMA e en.e, ambos da Escola de Enxeñería Industrial, e GPI-RV, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e polas dúas spin-off xurdidas ao abeiro destes grupos. “O proxecto nace da Universidade de Vigo e nela foi onde se xestaron as dúas patentes nas que se basea LifeDemoWave”, que consisten en dous prototipos de xeración undimotriz que se instalarán nas costas galegas para avaliar a viabilidade do uso deste tipo tecnoloxías.

Isto responde a unha das principais características da convocatoria Life, que busca proxectos de carácter eminentemente demostrativo que acheguen resultados escalables e exportables a calquera outro lugar de Europa. Neste sentido, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, subliñaba a importancia deste proxecto, xa que os resultados destas iniciativas marcan as futuras políticas europeas no eido ambiental e de loita contra o cambio climático. Mato tamén fixo fincapé nas características óptimas de Galicia para desenvolver un proxecto deste tipo, xa que é a rexión de Europa, xunto co sur de Gales, “onde máis potencia eléctrica se pode extraer do mar”. Lembrou tamén que a enerxía undimotriz “é a que mellor acompaña o movemento natural do mar, busca aproveitar a cinética nas tres direccións nas que se moven as ondas e, polo tanto, está na liña da mitigación do cambio climático e do respecto á contorna mariña".n

Te puede interesar
Más en Universitas