Córgomo reúne teatro, humor, música e poesía

Tres espectáculos de Furafollas e Aldaolado centran o programa da fin de semana, nas “noites de florencio”

Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), pobo natal de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), homenaxeado co Día das Letras Galegas 2022, acolle este fin de semana outros tres espectáculos do programa “As Noites de Florencio”. Nesta ocasión, os protagonistas son Furafollas e Aldaolado, quenes desenvolverán tres pezas nas que non faltarán o teatro, o humor, a música e a poesía.

Este venres, 19 de agosto, na Aira dos Bolos e a partir das 22,00 horas, Furafollas amosará o seu espectáculo “Teatro encontro con Florencio”. O sábado, 20 de agosto, a mesma compañía, e no mesmo lugar, ofrecerá “Taberna Canto Conto”, despois das 12,30 horas. Pechará este programa “Furia Necesaria”, de Aldaolado, que comezará ás 21,00 horas dese mesmo día na Praza de José Luis Núñez.

No primeiro dos espectáculos, “Teatro encontro con Florencio”, os actores se repartirán polo pobo e narrarán contos a aqueles que se acheguen, nunha iniciativa que favorece a interacción co púbico e tamén a espontaneidade. Anxo Baranta, o vilamartinés que lidera a agrupación barcelonesa Furafollas, comentou: “Cos Furafollas nunca sabes moi ben o que pode pasar, así que será unha sorpresa para todos”.

Un día despois, o grupo catalán regresará a Córgomo con outra das súas propostas: “A taberna canto conto”. Tamén trátase dun formato moi interactivo, co cal a compañía regresa a bisbarra valdeorresa unha década despois da súa última actuación, na que reivindicaron a figura de Florencio Delgado.

Pecharán o programa da fin de semana as poetas Lucía Aldao e María Lado, cunha longa traxectoria como escritoras e creadoras de espectáculos escénicos, sempre tendo a poesía, a música e o humor como eixos. En Córgomo presentarán “Furia necesaria”, título que se opón á imaxe de amor e ternura que tanto abunda no xénero lírico e que as poetisas tomaron do poeta Lois Pereiro, de quen aprenderon que a rabia tamén pode dar bos versos.

A actuación de Aldaolado pecha a recta final do programa das Noites de Florencio, que rematará a última fin de semana un concerto do grupo valdeorrés Mr Jingles e un xogo de pistas para os máis pequenos.

Te puede interesar