Denise Silva e Bea Boto traen un anaco do Bierzo ao ciclo De Perto

photo_camera Denise Silva e Bea Boto actuaron no Barco na segunda xornada do ciclo De Perto. O repertorio que interpretaron na Casa Grande de Viloira incluíu cancións tradicionais bercianas.
As artistas bercianas trouxeron o seu repertorio, que inclúe cantares da súa terra

O tempo acompañou para que os asistentes á segunda actuación do ciclo De Perto puidesen gozar das voces e percusións de Denise Silva e Bea Boto. As artistas bercianas trouxeron o seu repertorio de cantares da súa comarca que tratan de recompilar, e con el deleitaron ao público que acudiu aos xardíns da Casa Grande de Viloira.

A súa participación no De Perto responde ao chisco de ollo que o Concello do Barco quixo facer á antiga provincia do Vierzo, que cumpre 200 anos, e na que Valdeorras estivo integrada.

Denise Silva e Bea Boto teñen participado en proxectos discográficos e musicais, como La música Ibérica queriéndose a sí misma ou Diarios de Pandereta. Tamén colaboraron coa cadea 8, da televisión de Castela e León. Agora atópanse preparando as cancións do seu seguinte disco.

A próxima actuación incluída no ciclo De Perto será o venres, tamén na Casa Grande. Yoshi Hioki traerá os seus Contos do Xapón ás 20,30 horas. O nipón reside en Barcelona desde 1991, e en 1999 empezou a narrar relatos, mitos e contos do seu país.

Te puede interesar