Letras Galegas 2022

Eilún del Pazo gaña o III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

Aurelio Blanco, Enrique Álvarez, Débora Álvarez y Amancio Díaz. (J.C.)
photo_camera Aurelio Blanco, Enrique Álvarez, Débora Álvarez y Amancio Díaz. (J.C.)
Ó certame poético presentáronse 136 textos, dos cales foron aceptados 121 e seleccionados como finalistas 5

Eilún del Pazo, autora de “Da memoria do mencía” foi escollida como gañadora polo xurado  do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Saíu vencedora nunha edición na que se presentaron 136 textos, dos cales aceptáronse 121.

Os textos seleccionados como finalistas foron “Eu fun meteorito”, de Maurizio Polsinelli; “Papas”, de María Comesaña Besteiro; “Escila”, de Arancha Rodríguez Fernández; e a composición vencedora de Eilún del Pazo, quen tamén foi finalista co seu texto “Destecedoira”

A premiada foi anunciada nunha rolda de prensa na que participaron a coordinadora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez, o concelleiro de Petín, Amancio Díaz, o presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco, e o rexedor de Vilamartín, Enrique Álvarez.

A entrega do premio será o vindeiro sábado 16 de outubro

O alcalde vilamartinés detallou o formato da entrega do premio, que será o sábado 16 de outubro ás 12,30 horas na Aira dos Bolos de Córgomo. “A gala estará conducida por Sergio Losada Macías, membro do antigo grupo de teatro Pisabarros de Veigamuíños de Valdeorras”, explicou.

Engadiu que na celebración actuará o músico valdeorrés Sr. Jingles: “Estreará unha nova versión sobre un texto de Florencio Delgado Gurriarán”. A coordinadora de As Letras de Florencio, Débora Álvarez, aproveitou para darlle as grazas ó xurado, cuxo esforzo para decidir o texto gañador cualificou como “tremendo”.

A gañadora do certame fíxose cun premio de 3.000 euros. O III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán foi organizado polo Concello de Vilamartín, contando coa colaboración dos consistorios do Barco, Petín, A Rúa, Rubiá e a Deputación de Ourense.

O premio foi creado en 2018 para reivindicar a figura de Florencio Delgado Gurriarán, natural de Córgomo (Vilamartín), quen será homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2022. Ten o obxectivo, ademais, de impulsar a creación literaria en galego e dar a coñecer a obra poética de novos autores.

Te puede interesar