3.000 euros para o gañador do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

PREMIO_FLORENCIO_GURRIARAN (2)
photo_camera Representantes das institucións colaboradoras na presentación do certame. (FOTO: José M. Cruz)
Hoxe foi presentada a terceira edición dun certame que, ademais de reivindicar a figura do poeta valdeorrés, pretende impulsar a creación literaria

O III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, convocado polo Concello de Vilamartín coa colaboración dos consistorios de O Barco, A Rúa, Rubiá, Petín e Vilamartín e a Deputación de Ourense, presentouse este luns co obxectivo de impulsar a creación literaria en galego e dar a coñecer a obra poética de novos creadores.

Poderase participar no concurso a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. Dende aí, os interesados en competir terán ata o 1 de setembro para remitir as súas obras. Estas deberán estar escritas en galego e ter entre 15 e 90 versos.

As bases estarán dispoñibles asimesmo nas páxinas web dos concellos colaboradores e do proxecto de As Letras de Florencio. O xurado anunciarase no mes de xullo, e non será ata o 30 de setembro cando decidirá quen é o merecedor do premio. Do mesmo xeito que outros anos, o gañador será recompensado cunha contía de 3.000 euros.

Esta edición é xa a terceira dun certame creado en 2018 para reivindicar a figura de Florencio Delgado Gurriarán, para quen os concellos valdeorreses reclaman o Día das Letras Galegas desde hai anos. Da pluma de Florencio saíron obras como Bebedeira (1934) ou Galicia Infinda (1963), e foi membro correspondente da Real Academia Galega.

O cartel, deseñado polo artista valdeorrés Iván Prieto, mostra a efixie do poeta de Córgomo a través da técnica de collage. No seu peito aparece un corazón que, segundo explicou Prieto, trata de "subliñar o universal da literatura e da poesía".

O Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán súmase ás outras iniciativas que están a levar as institucións da comarca para tratar de conseguir que se lle dediquen as Letras Galegas. En 2022 cumpliranse cinco anos desde o comezo da campaña de As Letras de Florencio, sen que de momento a RAG tivese en conta o autor.

Te puede interesar