ENTREVISTA, NUEVOS RETOS EN LOS CONCELLOS

Luis Castro: “A mancomunidade con trives temos que desfacela como sexa, canto antes"

dsc01044_result
photo_camera Luís Castro, alcalde socialista de San Xoán de Río.

Nas últimas eleccións, o PSdeG-PSOE tomou o relevo do Partido Popular á fronte da Alcaldía de San Xoán de Río

Nas últimas eleccións, o PSdeG-PSOE tomou o relevo do Partido Popular á fronte da Alcaldía de San Xoán de Río. Luís Castro Álvarez púxose na dirección dun concello do Macizo Central, cunha poboación envellecida, onde  os 333 maiores de 65 anos son máis da metade da poboación total, que marcada un total de 632 habitantes no pasado ano 2014.

Como comezou o mandato? Como valora o traballo da oposición?
A oposición pórtase ben. Non fai grandes reclamacións e nós estamos facendo bastantes proxectos. Comezamos cos arranxos das estradas e fosas sépticas dos pobos, que estaban bastante deterioradas. Estamos  nesta liña de obriñas.

É difícil gobernar un concello do rural, de poucos recursos? As Administracións lles prestan atención?
Si é difícil. Hai pouco diñeiro e costa bastante poder levar adiante os proxectos. Pola súa banda, as administracións, no tempo que levamos na Alcaldía, pórtanse ben. Pedín dúas veces a axuda da Deputación e nola concedeu. Foron para obras na rede de sumidoiros. Temos bastantes averías, porque son moi vellos e, canta menos  poboación temos, máis se producen. Son infraestructuras feitas hai moitos anos, precisan de moitos arranxos, e, de feito, os estamos facendo.
Una empresa solicitou permiso para facer prospeccións na procura de ouro. Como está o proxecto?
De momento non hai nada, que se sepa. Analizaron o lugar, pero nada. Non volveron.

Cal é a base da economía de San Xoán de Río?
A economía é moi pequena. A xente é moi maior. Temos unha poboación moi envellecida. No rural de aquí, a gandería é a actividade que ofrece máis posibilidades. Sería o motor que impulsaría o Concello. Mais farían falta instalacións, unha reordenación parcelaria. Facelo un pouco mellor. Estase vindo abaixo porque non hai axudas. Se é o leite, pois non vale, a carne tampouco e a castaña igual. É dicir, a actividade do agro está polo chan. Non se pode sobrevivir sen ter uns precios. A xente non ten ingresos que lle compensen, pois se traballa por debaixo dos costos.

Tampouco haberá emprendedores?
Emprendedores hai moi poucos. Xente xove non temos e a maior vaise xubilando e o vai deixando.

O turismo podería ser unha alternativa para a economía. Como están o albergue Os Biocos e o contencioso que iniciou co Concello?
O alcalde anterior andivo en pleitos co albergue. Eu, de feito, fíxen que a concesionaria o deixase ao cumprir os cinco anos que tiña a concesión. Acabouse e marchou. Imos sacalo outra vez a concurso. Miraremos por aí a ver se podemos adxudicalo de novo.

A estación de montaña de Manzaneda aporta beneficios para o Concello?
Queda un pouco a desmán, mais si que nos beneficia. Se a zona se move ,nótase en tódolos concellos.

Outro tema polémico é o da Mancomunidade con Trives. Río nomeou os seus vocais?
A Mancomunidade temos que desfacela como sexa, o máis pronto posible. Estamos esperando que a Xunta nos  diga o que temos que facer. Imos nomear os vocais agora, con miras a que se faga todo ao mesmo tempo. Fai catro anos, cando estiven de alcalde na lexislatura anterior, repartíronse a maquinaria e a xente que traballaba no devandito organismo. Deixamos de ter costos. Agora, os servicios que presta redúcense á residencia de Trives, o matadeiro e o material de Protección Civil.

Como valora a creación dunha comisión de seguimento das infraestructuras, despois da reunión que mantiveron cinco concellos?
As infraestructuras son algo que nos pertence, que a Deputación nos ten que dar e que temos que reclamar. Os nosos concellos teñen moita rede viaria necesitada dun arranxo e os fondos estanse marchando cara a outras comarcas, como Valdeorras, Verín ou Ribadavia. Están levando un diñeiro que nos pertence.


Tamén pensa que a Xunta inviste máis na costa que no interior?
Tamén. Algo de iso estanos pasando. Se non reclamamos e estamos encima é facil que non nos dean. Darannos un caramelo. Pásanos aos alcaldes, cando un pobo está encima recibe a atención máis pronto que se non reclama.

Unha infraestructura para SanXoán de Río será o acceso á N-120 e á futura A-76?
Si, e tamén manter a estrada que nos comunica con O Barco e con Ourense. Temos problemas na ponte de Leboreiro, nos Codos de Larouco ou no tramo do Bibei. Se empuxamos todos un pouco, algo se podería facer.

Cre que as ausencias -só asistiron representacións de 5 dos 13 concellos invitados- están xustificadas e que todos se incorporarán á comisión?
Claro. Penso que si. A todos nos interesa estar unidos. Sexamos da cor política que sexamos. Estar unidos e tamén tirar un pouco pola terra. Xa bastante deprimida está como para deixala a un lado.

O despoboamente afecta ó uso das instalacións municipais: polideportivo e aula da natureza?
Se alguén as quere usar, están para iso. No pavillón se xogan partidos. Temos un equipo de fútbol-sala e os rapaces xogan aí e fóra. Está en activo. Teñen eles as chaves. Do pouquiño que teñen no Concello, os rapaces se implican e están aí a facer cousas. Tamén usan a aula da natureza. Aquí, non veñen excursións, pois habería que arranxala e adaptala aos novos tempos.

Te puede interesar