Valdeorras recuperará adegas tradicionais

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) coa Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras, representada polo seu Presidente, Joaquín Sánchez, a sua VicePresidenta Montserrat Rodríguez, e pola técnica da asociación Cristina Núñez.
photo_camera Joaquín González, Manuel Baltar, Montserrat Rodríguez e Cristina Núñez.
A Deputación investirá 30.000 euros nestas covas onde antigamente se producía o viño

As covas que, antigamente, funcionaban como adegas tradicionais onde se producía o viño, poñeranse en valor na zona de Valdeorras grazas á colaboración entre a Ruta do Viño de Valdeorras e a Deputación de Ourense, que achegará 30.000 euros en dúas anualidades para esta e outras iniciativas de promoción como a segunda edición da BTT de Valdeorras. 

Esta colaboración concretouse nunha xuntanza de traballo á que asistiron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o presidente da Ruta do Viño, Joaquín González; a vicepresidenta da mesma entidade, Montserrat Rodríguez e a técnica Cristina Núñez. 

Sobre as antigas covas, o responsable da Ruta do Viño explicou que se trata “dun aspecto distintivo polo aproveitamento da nosa xeoloxía para elaborar e conservar o viño e que agora queremos poñer en valor”. Para o presidente, o potencial turístico da comarca “é innegable” -de aí a colaboración que manteñen con outras entidades da zona como o Clúster da Lousa-, como tamén o son “as posibilidades que ofrece o turismo industrial”, un novo recurso que tamén conta co apoio da Deputación de Ourense. Pola súa banda, Manuel Baltar, explicou que Valdeorras é unha denominación “clave” entre as catro áreas de produción da provincia con selo de calidade e entre as cinco existentes en Galicia, “coa que colaboramos desde hai anos porque cremos que non só desde o punto de vista enolóxico, senón tamén turístico, ten un peso importante de seu”. A Deputación, lembrou, forma parte desta ruta do viño “como tamén das outras existentes na provincia, polo que fixemos un esforzo importante nos últimos anos para dotalas cunha achega económica que permita que os seus gastos de funcionamento e proxectos vaian adiante”. 

Polo anterior, Manuel Baltar invitou ao presidente da Ruta do Viño de Valdeorras a coñecer aqueles proxectos nos que traballa a Deputación, a través do Inorde, e que poden ser do seu interese, “como tamén hai plans que promove a ruta e que baixo o amparo do goberno provincial poden ter máis potencial”. Ambos representantes asinaron “unha alianza baseada no serio traballo que está a facer este sector e ao que temos que achegar a forza económica da Deputación”, dixo Baltar.

Te puede interesar