EMIGRANTES DE VERANEO

"A adaptación é intensa, pero co tempo os lugares fanse máis comúns e familiares"

Claudia Cid, con algúns traballos.
photo_camera Claudia Cid, con algúns traballos.

Claudia Cid é unha celanovesa que reside en Lisboa que no verán volve uns días a casa 

Claudia Cid chegou a Lisboa para cursar un master en Pintura. Co paso dos días foise establecendo na capital portuguesa e hoxe compaxina a súa actividade artística mentres traballa no Museu Coleçao Berardo, un dos grandes centros artísticos de Lisboa, emprazado en Belem.

Que te levou a instalarte en Lisboa?

Un máster en Pintura.

Como foi o proceso de adaptarte á vida aí?

O proceso de adaptación é sempre intenso. Ó principio, o entusiasmo por experimentar e coñecer todo o que é novo mistúrase con momentos de falta do que foi deixado atrás. Co paso do tempo as amizades vanse fortalecendo, os lugares fanse familiares e o ritmo vaise estabilizando.

Hai moitas diferencias entre a forma de vivir en Lisboa e en Galicia?

Creo que a principal diferencia é ser a capital dun país en crecemento. Por un lado é unha grande vantaxe a nivel cultural, xa que esto significa non só ser o lugar onde se reúne o que está sendo feito no país, senon estar tamén en contacto de maneira máis directa co que sucede fóra. Por outro lado, o auxe repentino do turismo está transformando a cidade, o seu aspecto e modo de vivir nela, o que fai que sexa cada vez máis dificil vivir aquí. 

Que é o que máis botas en falta da túa vida en Ourense? 

Boto en falta a natureza: as montañas, os ríos, pasear coa miña cadela polo monte e encontrar aí a calma do barullo e o ritmo acelerado da cidade.

Que aspectos da vida en Lisboa che gustaría que houbera en Celanova?

Gustaríame que houbese unha oferta cultural máis constante, diversa e que tivese en conta os intereses e gustos da xuventude. Espazos onde as persoas se puidesen reunir, encontrar intereses comúns, mostrar, coñecer e desenvolver iniciativas en conxunto. 

Que rasgo valoras máis do carácter dos portugueses?

Non encontro grandes diferencias de carácter entre galegos e portugueses.  Quizás os lisboetas sexan máis soñadores.

Te puede interesar