Xi

Aqueles viaxes á praia

un domingo de verán. Arredor da mesa, en familia como todos os festivos, os fillos fannos compañía e comentan que pensan ir a praia América a pegarse un chapuzón. Son as dúas da tarde, e o feito de comentar a posibilidade de ir á costa a saborear a auga salgada, lémbrame os tempos nos que íamos a Vigo polas tortuosas estradas desta nosa terra. Aínda non se remataran os chamados accesos a Galicia, que empezaran a executarse no remate do franquismo.
Estou a falar dos anos setenta do século pasado, cando aquiles coches tan precarios camiñaban en ringleira cara Vigo para pasar un día en Samil ou polos arredores. Saíase cedo para coller un sitio á sombra na praia. 'A praia dos ourensáns', dicían os vigueses. Por iso, á vista dos máis maiores, moito cambiaron as cousas no referido ás comunicacións dende aquiles anos tan complicados.

Iamos por tramos de estrada que hoxe nos parecen camiños. Eran as estradas nacionais, aquelas que tiñan os indicadores kilométricos chantados nuns marcos de pedra. Dúas horas e pico de coche para, despois de subir Fontefría, parar nunha sombra á beira do mar, bañarse, xantar co que se levaba na neveira e, ala cara a tardiña, volver cedo para Ourense, para non soportar tremendas colas que se formaban para entrar na cidade das Burgas.

Os meus fillos, que eran moi cativos, lémbranse algo daquelas viaxes casi de lenda. Viaxes nas que, facendo un alto no camiño á ida e á volta, case sempre na Cañiza, significaban unha ledicia para todos. Pero os tempos mudan, e agora, en menos dunha hora xa estás a carón da auga pola autovía. Os meus fillos din que todo eso foi froito da evolución normal das cousas, pero a verdade é que, visto así, ate pode parecer escaso o andado nestes trinta anos no referido ás comunicacións. Ben sei que eles, como tantos cidadáns nacidos despois dos setenta, descoñecen a campaña reivindicativa que houbo para acadar as autovías e os atrasos que houbo. Descoñecen as loitas e oposición veciñal que hubo durante anos á Autopista do Atlántico, e moitas cousas máis. Dicían algúns falando das autovías que era unha navallada no corazón de Galiza ou que soio servían para que nos espolíaran e colonizaran.

Pero, voltando ás viaxes á praia, estas eran sempre un motivo de ledicia, pois Ourense carecía, carece, de mar e piscinas públicas soamente había as de Oira. Con todo, admito que, posiblemente, éramos máis felices que somos hoxe. Por iso, agora que estamos de cheoi na etapa vacacional; que volvemos ir cara as nosas praias con mellores vehículos; que chegamos en menos tempo e que, ademais os coches teñen mellores condicións técnicas en todos os aspectos, lembrar aquiles anos é algo que nos obliga a comparar e mirar cara ó pasado con certo romanticismo.

Sei que non se debe entender que calquera tempo pasado foi mellor, aínda que si é certo que cada tempo ten uns problemas e unha forma de vida, e as comparacións son, en certa medida, odiosas. Por iso, a moitos mozos isto que conto sonaralle un pouco lonxano e moi raro. Pero era o que acontecía a finais dos sesenta e principios dos setenta do século pasado. Remato cun desexo: que a etapa vacacional na que xa estamos sexa para todos moi positiva e que as viaxes ás nosas praias sexan agradables e ledas. Pois para épocas complicadas e duras xa as pasamos nós naqueles anos.

Te puede interesar