Arranca o Reina Loba, unha illa ecléctica na Limia

cuco_e_ana_result
photo_camera Cuco e Ana, dous dos organizadores, onte no palco construído por eles.

A segunda edición do festival nos Blancos ofrece unha ampla variedade de estilos musicais

No rural hai illas. Illas que emerxen no verán. As máis das veces da man de xente moza que turra pola terra. Sucede nos Blancos, onde hoxe comeza o festival Reina Loba. Tres días de música (e outras actividades) nunha leira de menos dunha hectárea a tiro de pedra do centro do pobo. 

O Reina Loba é un festival ecléctico. Vaia como exemplo o cartel da xornada de hoxe: ábrese con Trópico de Grelos, una asociación de percusionistas de Compostela (ás 18,00 horas) e péchase a partir das 3,00 con Undermad, música techno; polo medio: Cel-Ticos, Mundo Chillón, Habelas Hainas, Club del Río e Sin Konzienzia. "Queríamos música tradicional, algo de la tierra, y juntarlo con otros estilos", explica Ana Martín, unha das organizadoras, da asociación Matrioska, un grupo dunha ducia de mozas, a maioría licenciados en Belas Artes en Madrid, a maioría de fóra do país, que hai pouco máis dun ano abriron un espazo de talleres de artesanía (e outros traballos) nos Blancos, nun edificio que se proxectou para albergar a Casa do Concello e hoxe é unha illa.

O concello alúgalles o local, un cubo baleiro, por un prezo simbólico e ocupouse da instalación da luz e da auga. 

Os mozos viven no pobo a maior parte do ano. No 2015 decidiron organizar o festival. Chamáronlle loba, porque o escudo do concello é unha loba (ou un lobo) e porque pretendían darlle un matiz ecoloxista. Nos Blancos conviven rastas e pañoletas."Sen problemas", afirma el alcalde, Xosé Manuel Castro, "démoslles todas as facilidades e inda que teñen unha forma de vida que lle pode resultar chocante á xente maior, hai máximo respecto. Os Blancos gaña visibilidade grazas ao festival e durante todo o ano ven moita xente moza por aquí". 
O Reina Loba conta cunha axuda de 5.000 euros da Deputación, o concello encárgase de limpar as zonas de concertos, de aparcadoiro e de cámping, Matrioska de todo o demais, os grupos durmirán na escola estes tres días. 

Haberá talleres e comidas populares até as cinco. Mañá os Gaiteiros dos Blancos farán o pasarrúas e haberá música tamén durante o xantar e sete grupos no escenario pola tarde: Menhir, Paradoxus, Virandeira Folk, Pedro Pastor, Alpargata, El Sombrero del Abuelo y Mtrsa Dj Set.

Te puede interesar