XOCIVIGA

Aurelio Pego ou a visión dun galego dende Hollywood

<p></p>
photo_camera Diego Fernández, Francisco Fumega e Xosé Enrique Acuña, cos catálogos da exposición.

As Xociviga lembran cunha exposición a figura descoñecida deste reporteiro coruñés

“Esta publicación moi ben podería terse presentado no Festival de Cine de San Sebastián”, asegurou onte o escritor, editor, xornalista e comisario de exposicións Xosé Enrique Acuña, durante o acto de presentación do libro cátálogo da mostra Aurelio Pego. Un xornalista galego cinematográfico en Nova York. Antoloxía Gráfica, que permanecerá aberta no Carballiño, no marco das Xornadas de Cine e Vídeo (Xociviga).

Acuña quixo resaltar a importancia deste libro, da exposición e da figura de Aurelio Pego, que cualificou de "todo un descubrimento e un gran acontecemento".

O libro, de algo máis de cen páxinas, é unha antoloxía de artículos, profusamente ilustrados, deste xornalista nado na Coruña que emigrou aos Estados Unidos tras desertar do Exército para escapar da guerra de África.

Aurelio Pego acabou formando parte da redacción da revista "Cine Mundial", creada en Hollywood para difundir a industria cinematográfica norteamericana no mundo de fala hispana, onde estivo a traballar de 1927 a 1948. Dese xeito, o xornalista nado na Coruña codeouse coas máis famosas actrices do panorama cinematográfico norteamericano.

Pero Pego foi ademáis corespondente político do diario La Vanguardia e das principais revistas gráficas da República, co que a súa bagaxe como escritor non se ciñe só á faceta cinematográfica.

Acuña lembrou a súa colaboración coas primeiras Xornadas de Cine do Carballiño, onde se fraguou parte da recuperación da historia do cine galego, citando en concreto a Carlos Velo, o film "Miss Ledyia" e o cine da emigración como "A Romaría da Madanela". No acto de presentación, que tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello, o comisario da exposición estivo acompañado polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández, que agradeceron a Acuña a súa colaboración e destacaron a súa contribución ás Xociviga.

Fumega referiuse ao libro e á exposición como un auténtico luxo, e Fernández engadiu que ía axudar a que as Xociviga deste ano trascendan as lindes do Carballiño e da provincia e ainda de Galicia. A exposición vai ser inaugurada no Auditorio municipal o vindeiro martes, 26 de xullo, e o libro, que conta co financiamento do Concello do Carballiño e a Consellería de Cultura, poderase adquirir ao prezo de 15 euros. 
 

Te puede interesar