De entre tódolos aspectos importantes para a organización destaca, sen lugar a dúbidas, o respeto cara outras culturas

A calidade humana é prioritaria

As orixinais danzas de Indonesia foron unha das sorpresas desta edición
Os proxectos de organización dun festival poden estar preparados para calquera incidente que puidera ocorrer. É certo. Pero hai algo que moitas veces se pasa por alto: o factor humano.
Non se pode esquecer que por máis que os grupos internacionais veñan a Ourense a mostrar o seu folclore, cada un deles trae canda si uns determinados costumes. Costumes habituais para eles e ós que non está habituado o equipo da organización. O que máis chamou a atención este ano foi, claro está, o Ramadán.

Este costume, tan coñecido de xeito superficial, puido supoñer unha dificultade engadida para perfilar as axendas diarias. Media ducia de días despois, a dirección das Xornadas do Folclore acabou por asumir e asimilar que os horarios da dieta de moitos bailaríns eran distintos. Así, algo que podería parecer unha traba ó principio acabou por ser do máis común. Pero o importante non só é acostumarse a esta tradición, senón que moito aprendemos sobre ela os que pasamos tempo ó lado dos conxuntos de Daguestán e Indonesia.

O do Ramadán é un exemplo, sen máis, do que ocorre cada ano. E se unha reflexión ronda o maxín de guías e organizadores é a de pensar que se a nós nos resultan estranos certos hábitos, ¿que haberá na nosa cultura que chame a atención desta xente? Pois seguramente moitas cousas que a nós nos semellan o máis normal deste mundo. A mellor maneira de comparar culturas é a convivencia da que gozan durante 10 días.

Por iso, aínda que agarden unha organización perfecta, que practicamente acadan, o comportamento humano é incontrolable. Ademais, a maioría de grupos están formados por xente nova e a diversión, por exemplo, é buscada cada noite; algo que os directivos ven como normal. Así se van reforzando as relacións entre grupos e guías. Hoxe despediranse uns doutros, pero ben seguro que se volverán atopar nalgún encontro folclórico. E se non, sempre queda o contacto a través de Internet.

A XXVII edición das Xornadas do Folclore conclúe hoxe, de xeito oficial, ás 10:00 horas da mañá. Voltará o ano que vén co mesmo propósito co que leva case tres décadas: ensinarlle á provincia de Ourense unha mínima parte de toda a variedade cultural do planeta.

Te puede interesar