xociviga

Carballiño comeza a rodar

xociviga
photo_camera Proxección de "Sempre Xonxa", na noite do domingo, na Praza Maior do Carballiño. (MIGUEL ÁNGEL)
"Sempre Xonxa", coma homenaxe a Chano Piñeiro, abriu a 36ª edición das xornadas

As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) acadan a súa 36ª edición baixo a organización do Concello do Carballiño, e que o domingo pola noite tiveron un anticipo coa proxección, na praza maior, de "Sempre Xonxa", película de Chano Piñeiro que cumpre 30 anos dende a súa estrea. Un total de 18 películas repartidas en cinco seccións (cine infantil, cine francés, cine galego, cine portugués e cine venezolano); unha vintena de curtametraxes, dous talleres de formación e unha exposición, conforman o intenso programa do festival, que se prolongará ata o 2 de agosto. 

Precisamente, debido ó elevado número de sesións, a organización decidiu  distribuir a programación entre o Auditorio Manuel María e a Casa da Cultura, contanmdo co patrocinio e a colaboración da Deputación Provincial, Consellería de Cultura e Turismo, Fundación Carlos Velo e o festival OFFOurense. Como na pasada edición, haberá hoxe  unha gala inaugural do certame, na que se entregarán o premio Xociviga de Honra, que recibirá a actriz Luisa Merelas, as insignias de ouro e un premio especial de Honra In Memorian ao productor de cine venezolano José Sousa, falecido hai dous anos, e que recollerá a súa filla Ana Patricia Souza Salazar. Nesta gala, que comezará ás 20,30 horas no Auditorio municipal, está prevista a actuación do grupo carballiñés 4Mal Quartett e, ao seu remate, unha degustación de produtos ourensáns. 

Pero a xornada inaugural das Xociviga terá xa, ás 12,00 horas, un acto institucional, no que o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, asinarán, no  Auditorio, un convenio de colaboración entre a fundación e o Concello, que permitirá celebrar un taller de creación audiovisual impartido pola cineasta Anxos Fazáns. A continuación, xunto con Marta Villar, comisaria da exposición "Papeis de cine", conmemorativa do 50ª aniversario da creación do Cine Club Carballiño, procederase á inauguración desta mostra.  


"Gran esforzo"


O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, destaca "o gran esforzo organizativo que realiza o Concello nesta edición, tanto para para render homenaxe ós seus primeiros promotores, as xentes do Cine Club, como para tentar situar ás Xociviga entre os mellores festivais de cine de Galicia". Finalmente, agradeceu a colaboración. O edil tamén fixo mención dos  catro graduados en Comunicación Audiovisual das universidades de Vigo e Santiago, Arturo Montilla, Flavia Rodríguez, Nerea Ogando e Mario Fernández, que realizarán diversas funcións de apoio ao longo das xornadas.

Te puede interesar