Castrelo abre hoxe o programa da 'Festa da Anguía'

O municipio de Castrelo de Miño, o máis extenso da comarca do Ribeiro, celebrará dende hoxe a decimo sexta edición da 'Festa da Anguía' e os festexos patronais na honra de Nuestra Señora das Neves. A xornada gastronómica abrirase a partires das 20.00 horas, nas inmediacións do Clube Naútico, coa degustación das primeiras anguías fritidas e en empanada, acompañadas por caldos da Denominación de Orixe Ribeiro.
A organización calcula que serán uns 5.000 quilos do manxar de río os que se preparen ata o venres, data de remate do evento. Ademais, a troula comezará xa ás 10.00 horas de hoxe cun pasarrúas a cargo da charanga 'Os do Sur do Condado', mentres pola noite será a orquestra 'Superfama' a encargada de amenizar a verbea.

O xoves, a igrexa parroquial acollerá ó mediodía unha misa solemne, para logo ter a procesión da Virxe das Neves, co acompañamento da banda de música 'La Lira' de Ribadavia. O baile nocturno terá como protagonistas a orquestra 'Satélites' e o grupo 'Aramio'. Na xornada de remate dos festexos, tamén se oficiará unha misa solemne ás 12.00 horas, e a animación das rúas correrá a cargo da charanga 'Airiños do Miño', de Tui. As orquestras 'Trova' e 'Benidorm' pecharán as actividades ata o ano vindeiro.


INVITACIÓNS

O alcalde de Castrelo, Xurxo Rodríguez, cursou invitacións a tódolos veciños do municipio e autoridades provinciais, autonómicas e do Estado para que acudan á inauguración da 'Festa da Anguía'. O rexedor lembra que 'ademais de poder probar este peixe de río e os nosos viños tintos e brancos, os nosos visitantes poderán admirar a paisaxe do encoro de Castrelo e coñecer as instalacións do Clube Naútico'.

Te puede interesar