ourensanos por el mundo

"O Irixo perdeu poboación e non hai iniciativas para que cambie a situación"

Eladino Crespo.
photo_camera Eladino Crespo.
Eladino Crespo emigrou no País Vasco con só 12 anos

Seguindo os pasos do seu pai, Eladino Crespo marchou cara ó País Vasco para establecerse na localidade guipuzcoana de Elgóibar con tan só 12 anos de idade e sen rematar aínda os seus estudios primarios.

Por que decidiu marchar ó País Vasco?

O meu pai botaba nove meses traballando alá e logo regresaba á nosa casa de Froufe, pero un día dixo que quedaba definitivamente aquí para atender as labores agrícolas e foi cando eu quixen marchar a traballar a Elgóibar, no ano 1971.

Fóille difícil adaptarse no novo entorno?

A verdade é que logrei adaptarme moi rápido e mesmo acabei alí o colexio. Antes para os nenos era máis fácil porque nos anos 70 aínda se impartía o castelán nas escolas. Agora resúltalles máis complicado ós alumnos porque nas ikastolas teñen que aprender o euskera.

Que tipo de traballo desempeñou en Elgóibar?

Sempre me adiquei á construcción, comezando dende albanel ata logo levar o tema de promoción inmobiliaria, ata un total de 35 anos. Agora compaxino a xestión dunha ferretería que posúo na localidade vasca con iniciativas inmobiliarias no propio Carballiño e a comarca.

Vostede viviu os anos do terrorismo de ETA. Que lembra daquela época?

O máis aconsellable era tentar pasar o máis desapercibido posible, sobre todo á hora de saber tratar cos grupos ou sindicatos abertzales en situacións de convocatoria de paros ou folgas.

 Despois de tantos anos, nota cambios no Carballiño ou mesmo no Irixo?

A verdade é que a situación aquí é bastante precaria, sobre todo a nivel de transporte público. Alí dispós de trenes de cercanías cada 20 minutos e no Carballiño nin hai autobuses para desprazarse a Ourense, a Vigo ou outras cidades. Tampouco hai moito traballo e Elgóibar ten 11.000 habitantes e 3.500 están empregados na industria. Respecto do Irixo, perdeuse moita poboación e no Concello non hai iniciativas para que a situación mellore.

Te puede interesar