A Mostra Internacional de Teatro supón para os veciños un revitalizador do ambiente e a economía de Ribadavia

Os do Ribeiro apoian o espectáculo [Galería]

O grupo colombiano Comunidad ofreceu a súa montaxe 'Tamborecos'
Ogallá houbera máis festivais de teatro, feiras do viño e festas da Istoria. Pero as fabas están contadas e hai que conformarse con tres eventos que converten a Ribadavia nun polo de atracción para milleiros de persoas. No caso concreto da 'Festa da Istoria', que se celebra o último sábado do mes de agosto, a afluencia de xente ronda as 25.000 persoas, en franca competición coa 'Festa do Pulpo' do Carballiño, cecais o festexo máis multitudinario da provincia e de Galicia, e que supera (tamén nunha soa xornada, á do segundo domingo de agosto) a cifra dos 50.000 asistentes.
Nembargantes, agora estamos a falar da Mostra Internacional de Teatro (MIT), na que a media de asistencia foi de 600 espectadores (900 o luns pasado) ós espectáculos que veñen ofrecendo diariamente no Auditorio do Castelo a partir das 11 da noite. É dicir, que dende a xornada inaugural do festival (hai unha semana), pasaron pola fortaleza dos Sarmiento perto de 5.000 persoas, sen contar as que presenciaron as representacións na Casa da Cultura, a Igrexa da Madalena, e nas rúas e prazas do casco urbán e das parroquias rurais de Francelos, San Cristovo e Santo André.

Por iso, os veciños de Ribadavia e doutros concellos da comarca son quen de recoñecer que a MIT é unha actividade que contribúe a revitalizar a economía da capital do Ribeiro. 'Vén moita xente de fóra. O martes pasado aínda acompañei a un grupo familiar de Cáceres para ensinarlles o castelo, o casco vello e as igrexas', sinala Julio César Vidal, un xubilado da parroquia de Francelos.

Este ribadaviense é un dos moitos que aseguran que 'a Mostra de Teatro chama moito a atención dos afecionados ó teatro, que acuden dende outros puntos do Estado e incluso de países do extraxeiro'.


ACOLLIDA

Ademais, a chegada de visitantes estase a notar no sector de hostelería, sobre todo a nivel das peticións que se rexistran para xantar e cear nos establecementos do municipio e da comarca. Neste aspecto, o director da Mostra, Roberto Pascual, destaca 'a boa acollida que se lle está a dar por parte dos propietarios de mesóns e restaurantes ás persoas que visitan Ribadavia, tanto o persoal vencellado ó festival como ós afecionados ó teatro que acuden a diario a vila'. A organización da MIT mantén un convenio coa firma de hoteis Caldaria para o aloxamento e manutención das compañías que están a representar os seus espectáculos, 'xa que esta empresa é unha das principais patrocinadoras e dispón dunhas óptimas instalacións, xa sexa en Arnoia ou en Laias'. É que ós do Ribeiro sempre tiveron boa fama de hospitalarios.

Te puede interesar