AUDIOVISUAL

Un documental lembra a guerrilla antifranquista

eire_result
photo_camera Alfonso Eiré, Diego Fernández e Xosé Reigosa, na presentación de "O Piloto".

As Xociviga estrearon "O Piloto", baseado na vida de José Castro

A creación e desenvolvemento dunha guerrilla antifranquista entre os anos 40 e 60 do pasado século en Galicia é un episodio pouco coñecido entre a maioría da poboación actual da nosa comunidade. Iste foi un dos motivos que levou a Alfonso Eiré a escribir a historia de José Castro Veiga, un dos guerrilleiros míticos, alcumado "O Piloto". Un texto que se converteu no guión dun documental, que dirixiu Xosé Reigosa e que onte foi estreado onte nas Xociviga do Carballiño.

A partires de testemuñas directas da vida deste lexendario persoeiro nado na localidade luguesa de O Corgo e morto en combate en 1965, Eiré e Reigosa deseñaron unha reportaxe,  chea de contrastes e descubrementos. Entre istes, o destacado papel que xogaron as persoas que acolleron "O Piloto" na súa constante fuxida, coma é o caso da familia de Bernarda Veiga, viúva do alcalde republicano asasinado de Pobra do Brollón, tamén en Lugo, ou dos propios ambulantes da comarca carballiñesa.

Ó respecto, Alfonso Eiré suliñou ós arrieiros de Maside que vendían xamóns e ós pulpeiros de Arcos, que cocían nas feiras de Brollón, Escairón ou Chantada. "Os propios comerciantes apuntaban de máis nas cartillas de racionamento para que o alimento non lle faltase ós guerrilleiros", comentou Eiré.

No mesmo marco das Xornadas de Cine carballiñesas tamén se proxectou na tarde de onte o documental "A Seara", dirixido por Pepe Coira, que conta as impresións dos catro arquitectos encargados da rehabilitación dunha aldea na Serra do Caurel con fines turísticos. "É a historia dun fracaso, ou dun éxito, ou como contan os seus catro protagonistas, dun fracaso que mereceu a pena", tal e como asegurou Coira. Por outra banda, o cine infantil tamén ten o seu espazo nas Xociviga, con sesións no Auditorio ás 11,30 horas.

Te puede interesar