A asociación Andén-I do barrio ourensán de A Ponte propúxose este ano recuperar a antiga tradición e saír ao campo a festexar ao seu patrón, o Santiago
Non se precisa moito máis que unha boa empanada e un viño para facer unha festa, ou iso é o que pensaban (e practicaban) os nosos antepasados.
O barrio ourensán de A Ponte está a piques de vivir os seus días grandes do ano coa celebración do día do Santiago, o seu patrón. As terrazas dos bares estarán cheas e o son da tómbola da avenida das Caldas chegará a todos os fogares. Pero fai corenta anos, tal e como explica Saborido, da asociación Andén-I, a tradición era ben distinta.
"A xente collía as súas viandas, o seu viño e o seu mantel e víñanse aquí", comenta. "Aquí" é o antigo "campo do Santiago", un espazo que se sitúa entre as termas da Chavasqueira e o Tinteiro. "Antes non había herba, isto era un terraplén que estaba rodeado de fincas", explica. No seu lugar, o único que se aprecia hoxe en día é maleza.
"Despois de comer, había gaiteiros tocando e bailábase e cantábase durante toda a tarde", di Saborido. El xa non recorda a celebración, pero si outras romarías, coma a de Reza, para a que cruzaba en barca o Miño dende Quintela de Canedo coa súa familia.
Polo recordo, pola tradición perdida e tamén para "pasar un día cojonudo", os de Andén-I quixeron sacar as empanadas, o viño e as tortillas e rememorar a vella costume. "Como o Santiago cadra a mércores preferimos poñela hoxe domingo para que puidese vir xente", explica David Gesto, outro dos organizadores.
Á sombra de varias árbores, con banda sonora eléctrica no canto de gaiteiros e muiñeiras, corenta veciños de Canedo (actual A Ponte) conversan mentres comen algún pincho ou proban o xamón serrano que corta Gesto, o experto na tarefa.
"Estamos na sesión vermú, picoteando algo antes de comer", comenta o cortador. O menú: tortilla, empanada, pementos e filetes. Cada participante trouxo algo, ademais dos seus propios cubertos e pratos. "Como antes, nada de plástico: ao rematar de comer recollemos as cousas e levámolas a casa", puntualiza. Algún non duda en agradecerlle aos organizadores a proposta e o seu traballo: "Espectacular, en serio".
En canto á hora de retirada, está claro que non hai présas no grupo: "Ata que nos apeteza, xa marcharemos cando toque".