FESTA DA VENDIMIA

A Festa da Vendima ofrece en Leiro o seu atractivo desfile de carrozas

<p></p>
photo_camera Os máis cativos de seguro que hoxe terán de novo un especial protagonismo.

Música, gastronomía e artesanía compoñen o programa desta edición, na que se exalta o traballo dos viticultores

O Concello de Leiro organiza hoxe a súa edición número 28 da “Festa da Vendima” cun amplo programa de actividades que se desenvolverán tanto no casco urbán da localidade coma na paraxe de O Salgueiral, á beira do río Avia. A xornada comeza ás 10,00 horas coa recepción dos acios que levan os viticultores para participar no concurso e posterior exposición, mentres ás 11,30 será a benvida ás autoridades e convidados na Casa do Concello.

Seguidamente, terá lugar a lectura do pregón de exaltación da vendima na praza do Cruceiro, que nesta edición correrá a cargo da comisionada do Goberno fronte ao reto demográfico, Edelmira Barreira. A continuación está previsto o desfile do concurso de carrozas e charangas, que partirá ás 12,30 horas dende a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira, un dos actos máis atractivos deste evento. “As carrozas deben facer referencia a motivos da vendima, da viña ou traballos da mesma e deben cumprir as características recollidas nas bases do certame", apuntou o concelleiro de Cultura, Ramón Álvarez.

Os premios do certame son: para os adultos, de 1.000 euros para o primeiro premio; o segundo, 750 euros, e o terceiro premio, 600 euros, e por participar no concurso reciben 300 euros de premio. E na modalidade infantil son de 400 euros para o primeiro, 300 euros para o segundo e 200 euros para o terceiro, e 50 euros por participar.

Ás dúas da tarde, autoridades e e convidados visitarán o Mercado Artesanal, que estará instalado no Salgueiral, antes de celebrarse o xantar popular na mesma localización, e no que se procederá á entrega de premios aos gañadores dos concursos de acios e carrozas. A mostra artesanal cumple xa 14 anos, e nela participarán 25 artesáns procedentes principalmente da provincia de Ourense, que amosarán os seus productos de bisutería, esmaltes en frío e pedras, ademais de expositores de produtos alimentarios e viño.

Concerto

O festexo continuará con actividades infantís no Salgueiral, e tamén haberá cabida para o deporte co partido de presentación do Clube de Fútbol Leiro, ás 17,45 horas. Por último, será a música a encargada de pechar esta celebración co Concerto de Corais da Vendima, ás 20,00 horas, na igrexa parroquial de San Pedro e cunha actuación dun grupo en directo no Salgueiral dende as 21,00 horas.n

Te puede interesar