ACTO

A Festa da Palabra rescatou a figura de Luís Bernárdez

Festa da palabra en O Irixo
18-7-15
photo_camera Intervención de Luis González Tosar durante o acto. (MARTIÑO PINAL)

Personaxes do mundo das letras e da política recoñecen ao xornalista como defensor da lingua e da cultura

A VII Festa da Palabra celebrouse onte na Insua dos Poetas, na Esgueva (Carballiño) para homenaxear a figura do xornalista, poeta, diplomático e galeguista Francisco Luís Bernárdez (Bos Aires 1900-1978). A súa vida e obra recóllese no libro "Francisco Luís Bernárdez. Poeta de fe. Leal a Galicia", no que varios autores rescatan do esquecemento a este ilustre galeguista, e como afirmou o poeta e presidente do Pen Galicia, Luís González Tosar, coordinador da publicación, “é de necesidade manter viva a lembranza de quen fixo tanto pola nosa lingua e pola nosa cultura”. O volume é unha edición que conta co apoio da Deputación de Ourense, da Xunta e do Pen Galicia.

González Tosar tamén anunciaba a dedicación da Festa da Palabra do ano que ven ás ourensáns Pura e Dora Vázquez. Durante o acto ofreceu un recital poético Víctor Campio, lembrando as oríxes do homenaxeado en Dacón (Maside); tamén falou da vida e obra do galeguista ilustre o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, destacando o seu artigo "El idioma prohibido", cando en plena dictadura estaba prohibido o galego. Outro dos intervintes, e como convidado especial, foi José Luis Moure, presidente da Real Academia de Argentina, cuxos orixes están no Carballiño. 

Durante o acto inaugurouse a fonte das "Sete Palabras"

O acto asistiron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente da Academia Arxentina das Letras, José Luís Moure; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o vicepresidente do Parlamento, Miguel Santalices, xunto a persoeiros dos ámbitos institucional, social e cultural, ademais dos alcaldes de Carballiño, Francisco Fumega e de Maside, Celso Fernández.

Por outra parte, tamén se inaugurou a Fonte das “Sete Palabras” e entregáronse os galardóns o escritor Manuel Rivas, das Letras; en Cultura Galega e Emigración, Francisco Lores Mascato; en Arte e Medio Ambiente, o Grupo Ecoloxista Outeiro; en Compromiso Económico e Social, o Grupo Gadisa; e en Comunicación e Difusión Cultural, o xornal Faro de Vigo.

Te puede interesar